37 semanas de mobilizacións en Moaña para recuperar as urxencias sanitarias

Marcha en Moaña no mes de xuño contra os recortes no centro de saúde da localidade. (Foto: Daniel Seixo)
Verán de protestas polos recortes da Xunta nos centros de saúde.

O Partido Popular decidirá hoxe na Deputación Permanente do Parlamento galego se acepta a petición presentada polo BNG para que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dea explicacións ante a denuncia presentada pola morte dunha muller no PAC de Baltar, en Sanxenxo, a quen Sanidade se negou a enviar unha ambulancia.

E precisamente, a Galiza prepárase para outro fin de semana marcado polas protestas en defensa da sanidade pública. Moaña leva 37 semanas seguidas de mobilización en defensa dos servizos sanitarios. A localidade, que botou 20 anos de protesta reclamando un centro de saúde, reivindicación finalmente conseguida e formalizada en febreiro de 2020 mediante un convenio entre a Xunta e o Concello, reclama agora a fin dos recortes dos servizos sanitarios comezados en abril de 2020, en plena pandemia.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, sinala a Nós Diario que "en 2020 o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicounos que as urxencias médicas deixaban de prestarse no centro médico de Moaña e pasaban a centralizarse no punto de Atención Continuada (PAC) de Cangas". A medida, explica Santos, foi aplicada con carácter temporal pero "pasou a ser permanente". A alcaldesa lembra que "a día de hoxe a veciñanza de Moaña debe acudir a Cangas en caso de urxencias médicas da segunda feira a sexta feira a partir de tres da tarde e de sábado a domingo as 24 horas do día".

A situación agravouse máis desde outubro de 2021. Naquela altura, ficaron sen cubrir dúas das catro parazas de médicos da quenda da tarde, ficando centos de veciñas e veciños sen facultativos de referencia. Asemade, os tempos de reacción dos servizos de ambulancia incrementáronse en toda a comarca, polas limitacións e os recortes executados no operativo, ocasionando diversos problemas asistenciais. Santos significa que "desde Moaña reivindicamos á Xunta da Galiza unha nova ambulancia con base no PAC de Cangas, para mellorar a atención no noso concello e, tamén, en Bueu".

A historia deu unha volta en decembro de 2021 cando a veciñanza comezou as mobilizacións. As protestas, convocadas pola Mesa da Sanidade, órgano de representación participado polos colectivos veciñais, a Plataforma en defensa da sanidade e boa parte dos grupos políticos da localidade, suman 37 semanas seguidas cunha participación masiva da poboación. A este respecto, Santos, afirma que "nos mobilizamos pola sanidade en tropel, igual que saímos en tropel  a apagar os lumes".

Unha nova mobilización

As protestas xa deron resultado. Neste sentido, a rexedora de Moaña apunta que "o xerente da área sanitaria de Vigo reuniuse con nós e comprometeuse a resolver varios dos problemas. Así, garantiu executar as obras necesarias no centro médico para poder pór de novo en marcha o servizo de urxencias.

Asemade, xa recuperamos un dos médicos suprimidos na quenda de tarde e segundo a Xunta no mes de setembro imos pasar a cinco médicos". Así é todo, a veciñanza mantén a mobilización até que se fagan efectivas os compromisos adquiridos co Goberno galego. O domingo fanse 38 semanas seguidas de protestas.

A mobilización social esténdese tamén a Sanxenxo

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo convoca para este sábado, ás 12.30 horas, unha concentración de protesta diante do centro de saúde de Baltar para "exixir medidas urxentes para facer fronte á situación" que vive este servizo. O voceiro de Sos Sanidade, Manuel Martín, sinala a Nós Diario que "no PAC de Baltar só dan citas para a s urxencias e teñen fechado a axenda dos médicos para consultas ordinarias".

Neste sentido, indica que "de sete médicos que hai no centro, catro están de baixa como consecuencia da situación de presión e estrés para os profesionais". Martín lembre que "o PAC presta ás veces atención á veciñanza do Grove". De feito, a doente que faleceu en Baltar após denegárselle unha ambulancia habitaba no Grove.