33.000 euros en premios e 50.000 polo plan director: amplíase o prazo do concurso para planificar a fachada da Pobra do Caramiñal

Fachada marítima da Pobra do Caramiñal. (Foto: Fundación RIA)
Concederanse tres premios de 20.000 euros, 8.000 euros e 5.000 euros, e a proposta gañadora asumirá a redacción do plan director mediante un contrato valorado en 50.000 euros.

Tras a demanda expresada pola comunidade arquitectónica, o prazo inicial de presentación de propostas do concurso para planificar a fachada marítima da Pobra do Caramiñal (O Barbanza) ampliouse a inicios do verán e permanecerá aberto até o 23 de setembro ás 13 horas.

Esta decisión do Concello da Pobra do Caramiñal responde á vontade de favorecer a máxima participación e garantir que os equipos dispoñan do tempo necesario para desenvolver propostas de calidade, á altura do desafío urbano que se formula.

Poñendo o foco na calidade do espazo público, a reorganización do mercado semanal e a ordenación da mobilidade, o ámbito de actuación deste concurso inclúe a zona portuaria, equipamentos públicos, espazos verdes e tramos da estrada AC-305.

O xurado estará integrado polos arquitectos Alfonso Salgado (Salgado e Liñares), Elizabeth Abalo (Abalo Alonso Arquitectos) e Marcial Rodríguez (RVR Arquitectos), así como por representantes do Concello da Pobra do Caramiñal e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Galiza.

Premios e plan director

A convocatoria desenvólvese nunha única fase e baixo anonimato. Concederanse tres premios de 20.000 euros, 8.000 euros e 5.000 euros, e a proposta gañadora asumirá a redacción do plan director mediante un contrato valorado en 50.000 euros.