28,8% do emprego do sector enerxético do Estado está en Madrid que produce 0,4% da electricidade e só 3,2% na Galiza que xera 8,8%
Galiza é un dos principais produtores de enerxía eléctrica do Estado, xerando en 2024 o 8,8% da electricidade consumida a nivel estatal. Porén, as grandes compañías teñen a súa sede social fóra do país, sendo a Comunidade de Madrid a principal beneficiada desta dinámica a nivel fiscal e laboral.
A produción madrileña de electricidade ficou no ano 2024 en 1.213.637 megawatts á hora (MWh). Segundo os datos achegados por Rede Eléctrica Española (REE) para ese exercicio, 562.433 MWh eran de orixe renovábel e 651.204 MWh de natureza non renovábel, sendo as principias tecnoloxías de xeración a coxeración, con 583.854 MWh, e a solar fotovoltaica, con 227.471 MWh. Destaca, neste sentido, que a Comunidade de Madrid non conta cun só megawatt (MW) de potencia eólica instalada e carece de ciclos combinados.
A xeración eléctrica da Comunidade de Madrid está moi por debaixo das necesidades da súa poboación e das súas empresas. A este respecto, Rede Eléctrica Española sinala que a capital do Estado viuse obrigada en 2024 a importar 95,6% da enerxía eléctrica que consumiu, unha cifra que está en liña coa tendencia das últimas décadas. Ao tempo, o regulador estatal indica que a comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso só produciu 0,4% do total da electricidade xerada no Estado, que alcanzou nesa anualidade 262.247.000 MWh.
A produción eléctrica madrileña non se corresponde co emprego xerado polo sector enerxético na comunidade. Así, un informe que fixo público esta mesma semana o Centro de estudos do Mercado Laboral da multinacional do negocio dos recursos humanos Randstad –a partir dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE)– desvela que o complexo enerxético ocupaba en 2024 na Comunidade de Madrid un total de 31.455 persoas, o que representa 28,8% de todo o emprego xerado polo sector no conxunto do Estado. Na mesma dirección, indica que as empresas enerxéticas sumaban 0,9% do total dos postos de traballo da rexión.
A situación de Madrid contrasta coa da Galiza. Neste último caso, a xeración eléctrica alcanzou no pasado ano 23.177.459 MWh, sendo 19.518.040 MWh de orixe renovábel e 3.599.419 MWh de natureza non renovábel, cun especial peso para a tecnoloxía hidráulica, que sumou 10.130.802 MWh, e mais a eólica, que produciu 8.860.397 MWh. A este respecto, Rede Eléctrica Española asevera que o país exportou 38,2% da enerxía eléctrica que produciu en 2024, cunha xeración 66,3% superior á demanda total de electricidade nesta última anualidade.
O 'efecto sede' e a concentración do emprego
Galiza xera 8,8% do total da electricidade do Estado, mais os empregos do sector enerxético no país só representan 3,2% do total estatal. Nesta dirección, o relatorio presentado por Randstad recolle que o complexo enerxético dá traballo a 3.509 persoas en territorio galego, das que perto de 1.000 desenvolven a súa actividade na refinaría da Coruña. Na mesma liña, o informe incide no pouco peso do sector enerxético no mercado laboral galego, que a finais de 2024 só representaba 0,3% do emprego total do país.
O impacto a nivel de emprego do complexo enerxético galego é moi limitado. Mentres en 2024 o sector ocupaba de media a nivel de Estado 0,5% das persoas traballadoras, esta cifra reducíase na Galiza a 0,3%. Na mesma dirección, a taxa de emprego sobre o total de ocupados e ocupadas do conglomerado enerxético situábase en Madrid en 0,9%, que ocupaba o segundo lugar do Estado só por detrás de Estremadura, cuxa posición está moi determinada polos máis de 3.000 postos de traballo directos e indirectos ligados á central nuclear de Almaraz, situada no municipio estremeño do mesmo nome.
A distribución xeográfica do emprego no sector enerxético pode explicarse polo denominado 'efecto sede'. O elevado nivel de ocupación das compañías eléctricas na Comunidade de Madrid derívase de que estas teñen a súa sede social e fiscal na capital do Estado, malia careceren nese emprazamento de unidades produtivas. É o caso do grupo Endesa, cunha potencia instalada na Galiza entre as diversas tecnoloxías de xeración de 1.683 MW mais que está domiciliada en Madrid, ao igual que Naturgy, herdeira da antiga Fenosa, cunha capacidade de produción eléctrica no país de 2.007 MW.
O membro do Colectivo Bidán e colaborador de Nós Diario Fernando Branco sinala a este medio que "hai un proceso de centralización salvaxe no sector eléctrico que non só implica que as compañías eléctricas paguen o Imposto sobre Sociedades en Madrid, senón que estas mesmas eléctricas crean os empregos máis cualificados e pagan os mellores salarios en Madrid, que é tamén onde están os directivos". Neste sentido, desvela que "as eléctricas só desenvolven na Galiza labores mínimos de mantemento, que requiren moi pouco persoal".
Para a profesora do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en políticas enerxéticas Rosa Regueiro, estes datos "confirman que as empresas eléctricas teñen a súa sede social en Madrid, onde crean os empregos máis cualificados e mellor remunerados". "Alí é onde teñen os seus departamentos de enxeñaría, de finanzas ou de asesoría legal", incide. Regueiro salienta que "as empresas enerxéticas desenvolven en Madrid as actividades de máis alto valor engadido, como poden ser as asociadas ao I+D+I".
A escasa repercusión da eólica sobre o emprego
Rosa Regueiro destaca que o sector das renovábeis, moi particularmente o eólico, "é moi pouco intensivo en creación de emprego", sendo unicamente relevante no proceso de construción das instalacións. Nesta dirección, afirma que "os traballos de mantemento dos encoros ou dos parques eólicos ocupan moi poucas persoas" e unha parte importante desas tarefas realízase desde fóra da Galiza, como acontece coas centrais hidráulicas de Iberdrola ou Naturgy.
Os datos achegados polo Ardán, o informe de referencia sobre o sistema empresarial galego elaborado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, para 2023 –último ano con cifras–, indican que as 37 primeiras empresas eólicas con sede social na Galiza ocupan só 19 persoas no país. Na mesma dirección, as 28 primeiras empresas hidráulicas con domicilio na Galiza dan traballo a 62.
Parlamento galego
A alta capacidade de xeración eléctrica da Galiza non repercute nunha mellora do servizo á poboación. Precisamente onte no Parlamento galego o deputado do BNG Xosé Manuel Golpe reclamou "deseñar sancións para as empresas distribuidoras que incumpran os criterios de calidade zonal e individual" e denunciou o estado da subministración no país.