28 anos de prisión para os principais dirixentes de Resistencia Galega

Pintada en 2011 mencionando a Resistencia Galega. (Foto: Nós Diario)
Os dirixentes de Resistencia Galega, Antón García Matos e Asunción Losada Camba, condenados a 28 anos e tres meses de prisión na Audiencia Nacional.

Antón García Matos e Asunción Losada Camba aceptaron esta segunda feira unha condena de 28 anos e tres meses de prisión na sesión que decorreu na Audiencia Nacional (Madrid), ao asumir cargos de terrorismo, así como o seu papel como dirixentes da organización Resistencia Galega.

Isto chega tras un acordo coa Fiscalía, que pedía nun primeiro intre 126 anos de prisión conxuntamente para as catro persoas acusadas.

Despois de recoñecer os cargos que se lles imputaba, tamén se confirmou a sentenza para Miguel García Nogales e Xoán Manuel Sánchez, que foron condenados a catro anos e medio e tres anos de prisión respectivamente, por integración en organización terrorista.

Tanto García Matos, alcumado ‘Toninho’, como Losada, recibiron un veredicto no que se axuntan oito anos de cárcere por pertenza a organización terrorista como dirixentes, e oito anos por fabricación, tráfico e subministración de explosivos.

Tamén foron sentenciados a oito anos por fabricación e posesión de artefactos explosivos, dous anos e medio por posesión ilícita de armas, e un ano e nove meses de prisión e multa de 270 euros por falsidade documental.

Inhabilitación absoluta

As condenas contra Toninho e Losada implican inhabilitación absoluta onda unha medida de liberdade vixiada.