Os 27 apoian ampliar a prohibición de fumar e vapear a espazos abertos como terrazas e parques infantís

A OMS advirte do dano dos 'vapeadores' nos pulmóns. (Foto: Nós Diario)

A medida é unha recomendación que, polo momento, non supón unha obriga para os estados membro da Unión Europea.

Os ministros de Sanidade da Unión Europea acordaron esta terza feira unha recomendación para ampliar a prohibición de fumar a espazos abertos como terrazas de bares e restaurantes, parques infantís, paradas de bus e piscinas; unha restrición que piden tamén impoñer aos produtos emerxentes como os cigarros electrónicos, conteñan ou non nicotina.

O texto saíu aprobado nunha reunión en Bruxelas coas únicas abstencións de Alemaña e Grecia, pero cunha declaración anexa de Italia e Romanía moi crítica co proceso para tramitar esta recomendación e que cuestiona a base científica para soster que os riscos pola exposición ao vapeo xustifiquen ampliar a estes produtos as mesmas restricións que ao tabaco tradicional.

En todo caso, segundo lembrou a presidencia de quenda da UE que este semestre ocupa Hungría, non se trata dunha nova lexislación común senón dunha "recomendación que non supón unha obrigación" para os Estados membro, cuxos gobernos na práctica poderán elixir "que medidas aplicar".

Xeración libre de fumes

A nova posición revisa unha recomendación anterior de 2009 para adaptala á realidade actual na que o mercado ofrece novos produtos de tabaco e aerosois para reforzar as estratexias contra o tabaquismo e avanzar no obxectivo da Unión Europea de lograr unha xeración "libre de fumes" no horizonte de 2040, é dicir, que para esa data menos dun 5% da poboación europea sexa fumadora.

A actualización da recomendación xorde dunha iniciativa da Comisión Europea o pasado setembro e que agora os Estados membro apoian, tendo en conta, por exemplos, informes da Organización Mundial da Saúde (OMS) segundo os cales a exposición a emisións alleas procedentes de produtos de tabaco quentado está relacionada con "anomalías respiratorias e cardiovasculares significativas padecidas polos fumadores pasivos".

Tamén recolle que segundo a OMS o vapor dos cigarros electrónicos, "tanto dos que conteñen nicotina como dos que non, expoñen ás persoas da contorna a niveis cuantificábeis de partículas en suspensión e de substancias tóxicas e contaminantes clave".

Neste contexto, os gobernos da UE apostan por, "tendo en conta as competencias estatais e as especificidades", actuar para protexer "eficazmente contra a exposición ao fume e os aerosois alleos en zonas de recreo exteriores designadas", en especial en áreas onde habitualmente hai menores ou persoas vulnerábeis, entre as que "deben incluírse os parques infantís públicos, os parques de atraccións, as piscinas, as praias, os parques zoolóxicos e outros espazos exteriores similares".

Vapeadores

No debate previo á adopción, a ministra de Sanidade, Mónica García, expresou o "apoio completo" do Goberno a un texto que considera "claro e ambicioso", á vez que puxo en valor que se inclúan os produtos alternativos ao tabaco como, por exemplo, os vapeadores porque "cada día temos máis evidencia científica do seu potencial risco" de provocar cancro, enfermidades cardiovasculares e problemas respiratorios.

"É moi preocupante que os mozos reciban unha mensaxe equívoca sobre o risco que entrañan estes produtos para a súa saúde", argumentou a ministra española, quen tamén recalcou a necesidade de protexer aos máis vulnerábeis "que sofren de forma pasiva e sen alternativa de elección as consecuencias desta exposición".

Discrepancias

Outros países, con todo, mostraron o seu malestar pola falta de avaliacións de impacto na proposta inicial da Comisión Europea aínda que ningún votase en contra da recomendación. Grecia, que se abstivo, por exemplo, reclama "solucións viábeis" e "proporcionalidade" nas accións, para o que reclama "datos científicos" e avisa de que será "difícil" trasladar a recomendación ás especificidades de cada país sen facer previamente o estudo do seu impacto.

Os gobernos de Italia e Romanía, pola súa parte, incluíron unha declaración á recomendación para deixar constancia do seu malestar porque consideran que a proposta "requiriría prazos maiores e modalidades mellores para desenvolver a análise entre os Estados membro" e tachan de "lamentábel" a falta de debate. "Lamentamos que non se presentou unha avaliación de impacto adecuada para este acto, como base para a correcta avaliación por parte do Consello das recomendacións propostas", resolve a declaración.