267.000 sinaturas para que a Comisión Europea faga público o seu informe sobre o accidente de Angrois

Plataforma Víctimas Alvia

Foron reunidas en menos de dúas semanas pola plataforma de vítimas do tren alvia. “A divulgación do documento é imprescindíbel para dar luz sobre as causas do accidente”.

“Os familiares non sabemos o que pasou e non sabemos por que a Comisión europea non quere facer público o seu informe sobre o accidente. Precisamos saber e ficar en paz”. Esta foi a reflexión feita pola Plataforma de vítimas do tren Alvia 04155 esta terza feira ao entregar as máis de 267.000 sinaturas recollidas en menos de 2 semanas. Firmas que piden que se faga público o informe da Comisión sobre o sinistro.

O documento naceu do compromiso adquirido pola UE para coas vítimas do sinistro e as súas familias nunha viaxe que fixeron, coa delegación do BNG, a Bruxelas a finais de 2015. Había un compromiso de facer público o informe informe no primeiro trimestre de ano 2016 mais non se cumpriu. “Néganse entregar o documento en base a unha serie de excepcións”, afirmaron desde a plataforma de vítimas.

A petición e recollida de sinaturas foi publicada na plataforma change.org  polo vicepresidente da asociación, que perdeu un fillo no sinistro, un accidente con 80 falecidos e no que unicamente o maquinista está imputado na instrución xudicial. “A divulgación do documento é imprescindíbel para deitar luz sobre as causas do accidente e garantir a seguridade do transporte ferroviario”, aponta. “Máis aínda cando a Comisión europea ten aberto un procedemento de infración contra o Estado español por vulnerar a Directiva de Seguridade Ferroviaria 2004/49/CE".