26% dos concellos galegos carecen de Centros de Información á Muller

Cobertura municipal dos servizos de información á muller. (Fonte: Fegamp / Nós Diario)
A atención falta en zonas rurais e afastadas.

Un estudo realizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) revela que 26% dos concellos da Galiza carecen de Centros de Información á Muller (CIM) e precisa que os municipios privados deste servizo específico sitúanse en zonas rurais, de difícil acceso e mal comunicadas.

A Fegamp sinala a necesidade de mellorar a coordinación das administracións competentes para garantir unha atención adecuada en todo o territorio, nomeadamente naqueles lugares onde as mulleres non gozan de ningunha cobertura nin atención específica.

A investigación reflicte que 77% dos municipios dispoñen dun Centro de Información á Muller, o que garante un servizo a 72% da poboación feminina, se ben, "quedaría pendente facer unha análise cualitativa sobre a capacidade e recursos destes CIM para proporcionar unha atención correcta".

Os sete municipios de máis de 50.000 habitantes contan cun servizo específico, dos 16 que teñen entre 20.000 e 50.000 a maioría tamén teñen o seu. A maioría dos concellos de entre 5.000 e 20.000 habitantes contan cun CIM ou son cabeceira dun servizo mancomunado, aínda que 38 son zona de influencia e non teñen servizo específico. Os de menos de 5.000 habitantes, rompen coa tendencia anterior, atópanse en área de influencia doutros CIM ou sen servizo específico.