25N: CIG reivindica a valorización social e económica dos traballos de coidados

Imaxe de arquivo dunha mobilización do 25N

Convoca mobilizacións co lema “Descoidar a quen coida é violencia machista" e chaman a se sumar ás convocadas pola Coordinadora Nacional da Marcha Mundial de Mulleres na Galiza.

A pandemia do coronavirus puxo de manifesto a importancia dos coidados mais estes non foron nin están a ser obxecto dunha protección especial durante a crise sanitaria. É a denuncia que a secretaría das Mulleres do sindicato CIG quere facer de cara a este 25N, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

"Dende a CIG levamos anos reclamando que se lle dean ás tarefas de coidados o valor real que teñen como traballos esenciais para a sociedade", explica a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, quen engade que por esta razón o lema escollido este ano é "Descoidar a quen coida é violencia machista".

Se o 8 de Marzo xirou sobre a necesidade de pór os coidados no centro das políticas públicas, "porque sen coidados non hai vida", unha semana despois "a emerxencia sanitaria confirmaba a actualidade desta reivindicación, ao evidenciarse a importancia fundamental do traballo doméstico e de coidados", mais tamén ao quedar as mulleres “expostas de maneira desproporcionada ao virus, dado o seu papel predominante como coidadoras no ámbito familiar e como traballadoras nos sectores sanitario, sociosanitario, limpeza, comercio, empregadas do fogar,...”.

Oito meses despois de decretarse o estado de alarma, advirte a secretaria das Mulleres da CIG, seguen sen poñerse en marcha permisos retribuídos para aquelas persoas traballadoras que teñan que facerse cargo de persoas do entorno que están enfermas, en corentena ou precisen de atención e coidados con carácter urxente.

"O Goberno español e a Xunta non adoptaron medidas para mudar esta situación, nin sequera para alixeirar esa sobrecarga de traballo físico e psicolóxico que asumimos as mulleres".

A CIG lembra que exixe desde hai moitos anos o recoñecemento e a revalorización do sistema de coidados, instando a mellora das condicións laborais do persoal deste sector, demandando a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas.

Mobilizacións do 25 de Novembro

·        A Coruña: ás 12h na Delegación do Goberno

·        As Pontes: ás 12h na Praza do Hospital.

·        Compostela: ás 12h no Complexo Administrativo de San Caetano.

·        Ferrol: ás 12h no Edificio da Xunta.

·        Lugo: ás 11h na Subdelegación do Goberno.

·        Ourense: ás 12h na Subdelegación do Goberno.

·        Pontevedra: ás 12h na Subdelegación do Goberno.

·        Ribeira: ás 11:30h na Praza do Concello.

·        Vigo: ás 12h no Edificio da Xunta

·        Vilagarcía: ás 12h no Servizo Galego de Colocación