Novo récord de persoas contaxiadas no país

24.252 casos activos de coronavirus na Galiza

Realización dun test de antíxenos en Vigo (Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A pandemia avanza sen freos na Galiza. Os últimos dados achegados polo Sergas confirman 24.252 persoas con Covid activo, 1.903 máis que onte, 55 das cales están na UCI e 219 internadas nas unidades de hospitalización da rede sanitaria galega. 

 

O número de casos activos volve marcar un récord nesta sexta vaga. Segundo as cifras achegadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza, 24.252 galegos e galegas son positivos en coronavirus.

O maior número de casos activos concéntrase área sanitaria de Vigo con 7.075, seguido da área sanitaria da Coruña-Cee con 4.151, colocándose a continuación a área sanitaria de Compostela-Barbanza con 3.514  e situándose moi preto a área sanitaria de Pontevedra-Salnés con 3.453.

O caso de Ourense

Os postos de cola están liderados pola área sanitaria de Ferrol con 1.247, seguidos da área sanitaria de Lugo-A Mariña-onforte con 1.977 e de Ourense Verín-O Barco con 2.835. Precisamente a situación desta última, preocupa de xeito particular ás autoridades sanitarias.

O incremento en relación coas cifras de onte é importante. A Xunta certificaba para 24 de decembro 22.349 persoas casos, deles 3.828 eran da área da Coruña-Cee, 1.740 da de Lugo-A Mariña-Monforte, 2.871 da de Ourense-Verín-O Barco, 3.245 da de Pontevedra-Salnés, 6.398 da área de Vigo, 3.196 da de Santiago-Barbanza e 1.071 da de Ferrol.

A presión hospitalaria tamén ten aumentado nas últimas 24 horas. A este respecto, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta da Galiza sinala que 55 persoas, cinco máis que onte, están ingresadas nas diversas de Unidades de Coidados Intensivos (UCI) do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

219 persoas hospitalizadas

A cifra de hospitalizados é de 219, recibindo outros 23.978 persoas atención domiciliaria. Se ben a presión hospitalaria é inferior á das anteriores ondas polo alto número de vacinados, a mesma comezaa a notarse en moitos centros sanitarios.

A Xunta da Galiza aconsella á poboación adoptar as medidas de protección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe e chama a extremar a hixiene de mans.

A alza dos casos está a levar ao Goberno galego a reconsiderar as súas previsión iniciais e dáse por feito que na xuntanza do comité clínico da terza feira se adopten novas restricións.