Un novo incendio, xa extinguido, volveu afectar na madrugada o parque natural da Baixa Limia-Xurés

O fogo desta madrugada en Muíños volveu afectar o parque natural da Baixa Limia-Xurés após o iniciado a pasada semana en Lobeira (na imaxe), que queimara 625 hectáreas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Máis dunha vintena de hectáreas arderon desde a noite deste domingo entre Muíños e A Pobra de Trives.

Dous incendios forestais orixinados na noite deste domingo arrasaron máis dunha vintena de hectáreas durante a madrugada, nos municipios da Pobra de Trives e Muíños, segundo vén de informar a Consellaría do Medio Rural no seu último parte, con datos recollidos até as 8.30 horas desta segunda feira.

O primeiro deles xurdiu contra as 21.44 horas na parroquia de Barrio, na Pobra de Trives, e queimou unha superficie dunhas 20 hectáreas até que foi estabilizado pasadas as 1.23 horas da madrugada desta segunda.

O segundo, extinguido arredor das 3.43 horas da madrugada, iniciouse catro horas antes na parroquia muiñesa de Requiás e afectou o parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, cunhas 1,5 hectáreas de monte raso calcinadas.

O fogo de Muíños produciuse só un día despois de que se declarase extinguido o que arrasou máis de 625 hectáreas en Lobeira e que tamén entrou neste espazo natural, causando unha importante afección que Medio Rural, porén, non especificou aínda cunha cifra exacta.

Por outra parte, continúa nestes intres baixo control o lume forestal que se iniciara en Porto do Son, en concreto na parroquia de Ribasieira, e que queimou unhas 82 hectáreas de terreo.

E tamén segue estabilizado o incendio que nas últimas horas afectou o municipio de Viana do Bolo, orixinado en Grixoa, cunha afección estimada dunhas 102 hectáreas, segundo os últimos datos da Consellaría.