21 galegos do foco de Mallorca volven á casa após anular un tribunal balear as corentenas forzosas

Imaxe de arquivo dun ferry da frota de Balearia
Viaxan nun buque de Baleària que os leva até Valencia, onde chegarán pola tarde. Alí farase cargo deles a Xunta. Desde alí, volverán a Galiza en bus e os positivos farano en ambulancia

Un total de 21 estudantes galegos vinculados ao 'macrofoco' das viaxes de fin de curso en Mallorca regresan esta quinta feira a Galiza após a anulación dos confinamentos forzosos a negativos por parte dun tribunal balear.

A Consellaría de Sanidade confirmou esta mañá a cifra de negativos que volven a Galiza, após os diversos datos ofrecidos tanto pola Xunta como polo Govern Balear, que apuntaban a que eran 12 ou 18 os galegos confinados pola súa relación co brote.

Os estudantes viaxarán nun buque de Baleària que os levará até Valencia, onde chegarán pola tarde. Alí faranse cargo deles as respectivas comunidades.

Os mozos forman parte do grupo de 165 estudantes aloxados no 'hotel ponte' Palma Bellver que esta mañá partiron en tres autocares cara ao porto de Palma para se embarcar no ferry cara a Valencia que o Goberno balear fretou para devolvelos aos seus territorios de orixe.

Os estudantes viaxarán nun buque de Baleària que os levará até Valencia, onde chegarán pola tarde. Alí faranse cargo deles as respectivas comunidades. O traxecto farase nun 'grupo burbulla' dentro do barco, separado do resto da pasaxe. Irán acompañados por dúas enfermeiras e un técnico sanitario.

O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, confirmou que os estudantes galegos serán trasladados a Galiza desde Valencia en autobús se dan negativo nas probas da Covid-19 e nunha ambulancia se o resultado é positivo.

Na rolda de prensa do Consello da Xunta, o titular do Executivo galego precisou que se habilitará unha ambulancia con cinco prazas para traer, de forma separada, a aqueles que, após someterse a unha proba diagnóstica -PCR ou test de antíxenos-, resulten positivos.