En 2026 só houbo un día que non choveu na Galiza
As consecutivas borrascas que afectaron o país deixaron 7.613 incidencias nas últimas 3 semanas.
O tren de borrascas que afecta Galiza desde o inicio de 2026 está a deixar unha situación "extraordinaria" no ámbito meteorolóxico. Desde o 1 de xaneiro só houbo no país catro días sen avisos meteorolóxicos e unha única xornada, o 4 de xaneiro, na que non choveu en ningún punto do territorio galego. Os temporais xeraron un regueiro de incidencias, 7.613 nas últimas 3 semanas, e caeu tanta auga que podería abastecer, segundo a conselleira de Medio Ambiente, a todos os galegos durante 113 anos.
Os responsábeis de Meteogaliza, Augas da Galiza e Axega 112, coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, participaron esta sexta feira nunha xornada informativa os fenómenos meteorolóxicos adversos.
A encargada de arrincar o acto foi a directora xeral de Enerxías Renovábeis e Cambio Climático, Paula Uría, que explicou o modo de funcionamento, predición e aviso de Meteogaliza. Os técnicos, apuntou, experimentaron este ano dificultades derivadas da análise de "moitos parámetros ao mesmo tempo" que afectan de diferente modo e intensidade a distintas áreas. "Iso provoca que, moitos días, teñamos prognósticos con máis de 100 avisos", exemplificou.
Paula Uría explicou que desde o 1 de xaneiro, Galiza só rexistrou catro días sen avisos e só un sen choivas en todo o territorio, o 4 de xaneiro. Paralelamente, activouse o primeiro aviso de nivel vermello por choiva, o 26 de xaneiro, unha xornada na que en Santa Comba choveu máis que durante dous meses e medio en Verín e na que se tivo que activar o sistema É-Alert no interior do país.
Ademais, nalgúns concellos galegos, como Rois ou Lousame, choveu neste período máis de 1.000 litros por metro cadrado.
Os ríos á máxima capacidade
Pola súa banda, o director de Augas da Galiza, Roi Fernández, explicou o sistema de seguimento do caudal dos ríos e do aforo dos encoros, que rexistran máximos de auga. Fernández lembrou que chegou a alerta vermella o 10 de febreiro.
Segundo explicou Fernández, no que levamos de ano hidrolóxico alcanzouse xa 50% das achegas de auga anuais segundo as medias históricas, "e aínda quedan oito meses" por diante.
Os principais ríos galegos van, de media, 3 veces por encima do seu caudal de anos anteriores, con picos como o do Arnego-Ulla, que case multiplica por seis o seu caudal e, entre o 22 de xaneiro e o 12 de febreiro déronse 1.300 avisos de superación de nivel, apuntou Fernández.
Máis de 7.600 incidencias
Na xornada participou tamén o xerente da Axega, Marcos Araújo, que incidiu na importancia de que estes datos "cheguen de forma sinxela á poboación" para evitar situacións de risco. "O máis importante é manter unha poboación segura", resolveu.
Nas últimas tres semanas, nas que se encadearon sucesivamente varios temporais, o CIAE 112-Galiza recibiu máis de 50.800 chamadas por este motivo e xestionáronse 7.613 incidencias aínda que ningunha delas grave.
Os dous días nos que houbo máis incidencias foron o 11 de febreiro, con 711, e o 23 de xaneiro, con 717, a maior parte por obxectos nas estradas e accidentes. O plan Inungal, de vixilancia do caudal do vos ríos, leva activo 66 días.