1936, A Caniza: quen foi a primeira alcaldesa democrática da Galiza?
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en colaboración co Concello da Cañiza (A Paradanta), organizou este 13 de marzo no Salón Nobre de Plenos do Concello un acto institucional de homenaxe a Maruja Gómez González, primeira alcaldesa elixida democraticamente na Galiza, que accedeu ao cargo neste municipio no ano 1936. Militante de Esquerda Republicana, a súa traxectoria política viuse truncada polo golpe de Estado e a posterior represión franquista. En xullo de 1936 foi detida e trasladada primeiro á prisión de Ribadavia e, posteriormente, á cárcere de mulleres de Saturrarán, en Euskadi. Recuperou a liberdade en 1941 e instalouse en Lugo, onde exerceu como enfermeira e participou tamén en diversos programas de radio.
Agora, cando se fan 90 anos da súa investidura como alcaldesa da Caniza, a Fegamp e o concello quixeron recoñecer a figura desta muller pioneira que marcou un fito na historia política da Galiza. A homenaxe, promovida pola Fegamp, pretende pór en valor o papel das mulleres como impulsoras do cambio e protagonistas da vida pública, especialmente no ámbito local, lembrando Maruja Gómez como símbolo da participación e do liderado feminino na política municipal.
Como anfitrión do acto, o alcalde da Caniza, Luis Piña, abriu a xornada agradecendo a asistencia do público que encheu o salón de plenos e destacando o orgullo do municipio por contar na súa historia cunha figura tan relevante. Posteriormente tomou a palabra a vicepresidenta executiva da Fegamp, María Barral.
Durante as intervencións salientouse que a elección de Maruja Gómez como alcaldesa da Caniza tivo un valor extraordinario nun contexto histórico no que a presenza das mulleres en cargos institucionais era moi excepcional. A súa chegada á Alcaldía supuxo non só un feito relevante para o municipio, senón tamén un avance democrático e a incorporación dunha voz feminina a espazos de decisión pública tradicionalmente ocupados por homes.
No acto tamén se puxo de relevo o papel do municipalismo como ámbito de proximidade coa cidadanía, onde se abordan directamente as necesidades das persoas e onde o liderado de Maruja Gómez adquiriu un significado especial. Así mesmo, lembrouse que pouco despois da súa elección produciuse a ruptura do proceso democrático e unha etapa de represión que afectou a quen representaban os valores de liberdade e participación pública.
O acto concluíu coa sinatura da vicepresidenta da Fegamp no Libro de Honra do Concello e cunha fotografía institucional diante do retrato de Maruja Gómez, que forma parte da colección de alcaldes e alcaldesas exposta no Salón de Plenos.
Desde o Concello da Caniza destacouuse o orgullo de que a primeira alcaldesa democrática da Galiza fose elixida neste municipio, subliñando a importancia de manter viva a súa memoria e de transmitir ás novas xeracións a necesidade de coidar e fortalecer os avances democráticos.