Case 1800 persoas para 134 prazas nas oposicións do Sergas

O Sergas oferta un total de 134 prazas.

O vindeiro día 16 de marzo proseguirá a realización das probas selectivas para a cobertura de prazas en 37 categorías de persoal estatutario licenciado sanitario

Un total de 1.793 persoas presentáronse este sábado a unha nova xornada de oposicións do Servizo Galego de Saúde en catro categorías profesionais.

En concreto, 948 persoas presentáronse á categoría de fisioterapeuta (o que representa un 85 % sobre o total de admitidas); 544 en enfermeira/o especialista en enfermaría familiar e comunitaria (un 83 %); 278 en técnica/o superior en hixiene bucodental (82 %) e 23 en técnica/o superior de sistemas e tecnoloxías da información (64 %).

Nesta xornada, o Sergas oferta un total de 134 prazas distribuídas en 61 prazas de enfermeira/o especialista en enfermaría familiar e comunitaria; 70 de fisioterapeuta; 1 de técnica/o superior de sistemas e tecnoloxías da información; e 2 de técnica/o superior en hixiene bucodental.

A entrada ao pavillón de realización de exames completouse en menos de media hora grazas á coordinación do persoal colaborador da Consellería de Sanidade, persoal de informática e de seguridade, ademais da colaboración do 061, Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local, Protección Civil e persoal da empresa concesionaria da autopista.

 

 

Ademais, hoxe cóntase cun instrutor da ONCE que lle facilita a realización do exame a unha opositora con discapacidade visual. Para iso, habilitouse unha sala onde un programa le en voz alta os enunciados das preguntas do exame e as distintas opcións para que a aspirante, de palabra, indique a opción que considera correcta.

En canto a adaptacións, foron solicitadas máis dunha ducia, ademais de 15 peticións de lactancia. Previamente, tanto embarazadas como persoas con mobilidade reducida teñen acceso preferente tanto ao aparcadoiro como á entrada do pavillón.

Nesta ocasión, non houbo necesidade de realizar exames en centros hospitalarios para casos de mulleres con parto próximo ou recente. Unicamente unha aspirante que deu a luz hai menos dun mes solicitou unha cadeira máis cómoda.