10 días: o tempo que dura o ''silencio cómplice'' da Xunta perante a folga de fame de Velaluz

[Imaxe: Velaluz]

Dez mulleres encetaron a vixilia o 15 de outubro. Catro tiveron que ser hospitalizadas. Porén, a secretaría xeral de Igualdade tardou sete días en se interesar polas súas demandas e leva outros dez ''pensando'' como implementar a Lei integral aprobada en 2007.


"Dez días son os que leva o noso goberno pensando como protexer as mulleres e os nenos namentres seis mulleres se consomen en folga de fame". Así foi como manifestou Gloria Vázquez, presidenta de Velaluz, a súa indignación a respeito do "silencio cómplice" que está a manter a Xunta desde o 15 de outubro, cando 10 mulleres da asociación encetaron unha vixilia para reclamaren "protección real" para as mulleres e as crianzas en situación de violencia machista.

Foi a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen as visitou o 21 de outubro no local que Velaluz ten a carón da Audiencia provincial da Coruña canda a subdirectora xeral para o Tratamento da violencia de xénero, Belén Liste.

Do lugar saíron cun documento en que Velaluz lles facía chegar por escrito as súas reivindicacións principais. Gloria Vázquez resómeas: "protexer as mulleres e menores, suspender de inmediato as visitas do agresor aos fillos; e que após sentenza firme se lle retire a patria postestade". Cumpridos dez días de silencio por parte das dúas representantes do Goberno galego, Velaluz denunciou que ese silencio "asasina, tortura, fire e desprotéxenos".

Son catro as mulleres que tiveron que abandonar a folga de fame por problemas de saúde, requirindo atención hospitalaria. A última, esta cuarta feira día 30, caeu polas escaleiras cando se dispuña a ir traballar, pois tras ficar varios días no local da asociación, todas continúan agora sen comer namentres continúan coa súa vida familiar e laboral. Esta quinta feira ás 10h Velaluz manterá unha xuntanza coa Xunta para reclamar, máis unha vez, que se aplique a lei galega contra a violencia de xénero, aprobada en 2007.