15 horas de espera tras un ictus: o TSXG condena o Sergas a pagar unha indemnización de 250.000 euros

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Foto: PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS)

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condena o Sergas a indemnizar con 250.000 euros a un paciente que sufriu unha demora na intervención tras padecer un ictus no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A sentenza considera que a falta de actuación inmediata vulnerou os protocolos médicos e agravou de forma determinante o seu estado de saúde.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) condenou o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a pagar 250.000 euros a un paciente que sufriu unha demora na intervención que precisaba tras padecer un ictus, debido á falta de camas no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Na súa sentenza, o alto tribunal galego eleva de 150.000 a 250.000 euros a indemnización ao considerala “máis axustada a dereito”.

Desta forma, estima parcialmente o recurso de apelación presentado contra a resolución do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago de Compostela. O fallo explica que o paciente foi atendido inicialmente no hospital Ribera Povisa tras sufrir unha hemorraxia subaracnoidea, tendo que agardar máis de 15 horas para ser trasladado ao Cunqueiro, hospital de referencia nestes casos.

Os maxistrados subliñan que “ningún protocolo” obriga a esperar ante un prognóstico deste tipo e lembran que existen guías que indican que se debe actuar “o antes posíbel”. “Debemos concluír que non facelo supuxo unha infracción clara da lex artis ad hoc. É dicir, a non realización da intervención pautada nas guías, que ademais tiña como un dos seus principais efectos evitar a produción dun resangrado, que ao producirse empeorou o prognóstico do paciente”, sinalan.

Precisamente, o estado final do home é de “gran invalidez”, cunha dependencia total e cun grao de discapacidade do 95%. Con todo, a sentenza non é firme e pode ser recorrida.