15 días en nivel 2 de emerxencia por incendios: "É como unha puñada no estómago"

Veciñanza entre as ruínas que deixou o lume na aldea de Cernego, en Vilamartín de Valdeorras. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

Esta terza feira terá lugar o Consello de Ministros onde se declararán zonas catastróficas as áreas afectadas.

Esta terza feira fanse 15 días desde que se decretou nivel 2 de alerta por incendios na provincia de Ourense, o 12 de agosto, por unha vaga "anómala", segundo a cualificou a Consellaría do Medio Rural, derivada por unha seca prolongada durante dous meses, con precipitacións por baixo da media do últimos 30 anos.

Agora, con máis de 95.000 hectáreas calcinadas, os municipios afectados están en proceso de "encaixar o golpe". "É como unha puñada no estómago", así o expresou Enrique Álvarez (PSdeG), alcalde de Vilamartín de Valdeorras, un dos municipios máis afectados pola vaga de incendios.

Cun sector forestal "100% arrasado" e aldeas como Leira ou Cernego que sufriron importantes perdas en danos materiais, Vilamartín afronta consecuencias "moi duras". "É moi complicado de explicar, ás veces non che deixa nin respirar", engadiu.

Unha sensación que comparte Aurentino Alonso (PSdeG), alcalde do Barco de Valdeorras. "Foron 15 días de moita tensión", indica. A pesar de que, di, o municipio non sufriu moitos "danos materiais", Alonso lamenta unha "perda ambiental tremenda".

"Más de 40.000 hectáreas, vivimos todos en estado de alerta, é unha barbaridade", expresou a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela (PP), un municipio que contabilizou tres casas calcinadas até o momento e aldeas nos que "xa non queda nada por arder".

Unha reflexión

Tras dúas semanas de "cansazo e desesperación", alcaldías e persoal de extinción coinciden na necesidade de "pór en valor o monte". "A política e a maneira de xestionar os incendios ten que cambiar", explicou Néstor Ogando, do PSdeG (A Gudiña).

"Non podemos esperar a que estean activas todas as brigadas só durante os tres ou catro meses de verán e que o resto do ano non teñamos nada, é aí onde hai que incidir", engade o tamén socialista Aurentino Alonso (O Barco).

Con medios que "non chegan" e veciñanza que "ía defendendo como podía" as súas propiedades, O Barco lamenta unha situación que "multiplica con fartura" a vivida durante os incendios do ano 2022. "Foi algo extraordinario, todo o que ardeu de riqueza, madeira e monte", engade.

O principal problema, destaca, é o incumprimento das faixas perimetrais. "No últimos cinco anos abrimos perto de 1.000 expedientes sancionadores, pero o problema segue estando aí", lamenta.

Sinala que desde o Concello non existe a "capacidade suficiente" para xestionar "todo o que se pide a nivel normativo" e solicita á Xunta da Galiza que "busque a maneira" de cumprir coa normativa das faixas perimetrais.

Pola súa banda, Néstor Ogando incide en que un dos factores principais é o abandono do rural. "As aldeas agora están abandonadas, agora hai moi pouco gando", destacou. "Se queremos salvar o pouco que nos queda do rural hai que pórse as pilas", engade.

Axudas tras os incendios

Esta terza feira terá lugar o Consello de Ministros onde se declararán zonas catastróficas as áreas afectadas polo lume e decorrerá, tamén, un Consello extraordinario da Xunta da Galiza esta terza feira para xestionar as axudas aos afectados polos incendios.

Os municipios afectados rexistran numerosas necesidades tras dúas semanas loitando contra os lumes, entre elas, suplir a falta de pasto para o sector gandeiro, facer fronte aos danos materiais ante as vivendas calcinadas, resolver os problemas de mobilidade ou o abastecemento de auga e electricidade.

"Metemos auga e luz e nalgunhas zonas puxemos iluminación tamén, o fundamental agora é perimetrar as casas en malas condicións e asegurar na medida do posible que non supoña un perigo", recalcou Enrique Álvarez.

En concellos como O Barco ou A Rúa preocupa especialmente o abastecemento de auga potábel. Segundo explicou María González (BNG), alcaldesa da Rúa, "moito material dos incendios" depositouse nas zonas de captación de auga, por iso, "haberá que facer analíticas unha vez acabe o fume para saber se se pode consumir".

Nos municipios de Trives, Montederramo ou Oímbra, a precupación céntrase especialmente na falta de subministración para o gando. "É necesario fornecer alimento para o gando e todo o que poida achegar a Administración", sinalou Francisco Rodríguez (PP), alcalde de Oímbra.