14 de novembro: manifestación nacional contra o “desmantelamento” da Atención Primaria

Saída da manifestación de SOS Sanidade Pública (Riobó Prada)

Convocada por SOS  Sanidade Pública.

SOS Sanidade Pública convocou unha manifestación en Santiago o 14 de novembro en contra do "desmantelamento" e "privatización" da Atención Primaria (AP) por parte da Xunta.

Nun comunicado, explica que as entidades que forman esta plataforma coinciden na situación "moi grave e preocupante" que vive a Atención Primaria "como consecuencia da insuficiencia orzamentaria".

Entre outras problemáticas, apunta á falta de persoal após os recortes dos últimos anos, a non substitución de vacacións ou baixas, as listas de espera que superan o mes nalgúns lugares, así como a limitación de consultas presenciais.

De tal forma, demanda un "importante" incremento orzamentario, ampliar o persoal de centros de saúde, potenciar a atención presencial e poñer a atención primaria "no centro do sistema".

Igualmente, SOS  Sanidade Pública fai unha chamamento a concellos e deputacións para que apoien activamente esta mobilización. Ademais, a plataforma avoga por unha iniciativa para a recuperación da AP elaborada polos traballadores e apoiada pola Federación de  Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública.