14 comedores escolares da Xunta en Vigo presentan “graves deficiencias”

As Anpas de Vigo denuncian baixa calidade alimentaria nos comedores dependentes da Xunta.

1.800 nenas e nenos da cidade reciben a diario alimentos de baixa calidade alimentaria.

Até 14 comedores escolares de Vigo dependentes da Xunta da Galiza presentan “graves deficiencias”. Entre elas, baixa calidade alimentaria, con “comidas frías, racións insuficientes e produtos en mal estado”.

Así o denunciou esta quinta feira o Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Vigo, que anunciou ademais a presentación de iniciativas para recoller as "centos de queixas das familias e das Anpas” polas deficiencia que presentan os comedores de xestión indirecta, que serven a 1.800 nenas e nenos da cidade.

“A Xunta de Galiza non está realizando ningún control sobre a comida destes comedores escolares”, cuestionou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, após manter xunto ao concelleiro e candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, un encontro con representantes da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de Vigo (Foanpas).

Xestión directa

A deputada nacionalista lamentou que o Goberno galego estea ignorando as centos de queixas presentadas por nais e pais pola mala calidade da comida. “Non recibiron resposta a ningunha delas”, criticou González.

A nacionalista pediu que se atendan as depandas das Anpas de Vigo, que reclaman a xestión directa do servizo desde as cociñas dos CEIP Doutor Fleming e Ramón y Cajal para garantir “unha comida de calidade, proximidade e sostíbel”.

No mesmo sentido, o candidato do BNG en Vigo asegurou que “non podemos aturar que en comedores que son da Xunta, financiados con diñeiro público, non se garantan as mínimas condicións alimentarias”. Así, chamou a unha revisión e modificación dos pregos de adxudicación deste servizo para “corrixir as deficiencias e aumentar a calidade da comida” nestes 14 centros.

Igrexas preguntou “onde está” a delegada territorial da Xunta de Galiza en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a quen afeou que durante os últimos anos “paseara por todos os colexios públicos da cidade para sacarse un sen número de selfies” pero non se poña á cabeza para atender estas denuncias das familias e exixir ao Goberno galego unha solución urxente.