10 detidos nas comarcas de Lugo e de Lemos por manifestarse contra a presenza do equipo israelí na Volta

Concentración diante da comisaría de Monforte en solidariedade con Rosana Prieto. (Foto: Nós Diario)

As primeiras detencións da xornada producíronse no concello do Corgo, na comarca de Lugo, atopándose actualmente detidos en dependencia policiais oito persoas.

Unha vez remata a etapa da Volta ciclista en Monforte, comarca de Lemos, reslutou detida a voceira municipal do BNG en Pantón e responsábel comarcal do BNG en Lemos, Rosana Prieto.

 

A responsábel de organización do BNG, Lucía López, sinalou que "desde o BNG orgullanos a resposta solidaria do pobo galego unha vez máis denunciando o xenocidio que Israel está a acometer na Palestina e denunciando a impunidade do Estado terrorista de Israel".

"As protestas que se están desenvolvendo na Galiza como na que participaba a nosa compañeira Rosana son lexítimas e plenamente pacíficas", asegurou López quen apuntou que "desde logo que non hai motivos para o uso da forza nin da represión".

Solidariedade do BNG coas persoas detidas

López aseverou que "non nos van calar e estamos orgullosas da nosa compañeira Rosana, que agardamos quede libre e sen cargos á maior brevidade". Neste sentido, o movemento de solidariedade con Palestina ten convocado novas protestas para a xornada de mañá.

Unhas ducias de persoas concéntranse neste momento ás portas das comisarias de Lugo de Monforte de Lemos, onde actualmente se atopan as persoas detidas.