Agresión machista

Permanece na UCI con "pronóstico grave" a muller agredida esta segunda feira en Carballo

Comandancia da Garda Civil en Carballo. (Foto: Europa Press)

O presunto agresor pasará esta cuarta feira a disposición do Xulgado de instrución número 1 de Carballo.

A muller ingresada na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) por mor das lesións producidas presuntamente pola súa parella permanece con "pronóstico grave".

Segundo informaron fontes sanitarias a Europa Press, a vítima da agresión, que tivo lugar no concello de Carballo, atópase "estábel", mais aínda non abandonou a condición de gravidade.

A agredida foi atendida en primeiro termo por unha ambulancia de soporte vital avanzado, dúas ambulancias de soporte vital básico, e persoal facultativo do Punto de Atención Continuada (PAC) de Carballo.

Polo de agora, só trascendeu que presentaba un traumatismo craneal no momento de ser hospitalizada no Chuac, froito dos golpes que o seu agresor, xa detido, lle propinou na faciana e na cabeza.

Desenvolvemento dos feitos

Os feitos decorreron na madrugada da segunda feira, sobre as 2.45 horas, cando varios veciños da parroquia de Sísamo, en Carballo, escoitaron berros na rúa.

Ao saír, atoparon a muller tombada na estrada e con sangue na faciana e na cabeza.

Ademais dos servizos médicos, no domicilio familiar presentouse a Garda Civil, que constatou que a parella desaparecera e iniciou o proceso de busca, e os bombeiros, que accederon ao fogar para recoller os dous fillos, menores de idade, da agredida, que agora mesmo se atopan custodiados por familiares.

O presunto agresor, a disposición xudicial

Mentres a vítima da agresión segue a recuperarse no hospital, o presunto agresor pasará nesta cuarta feira disposición xudicial. 

En concreto, será o Xulgado de Instrución número 1 de Carballo quen instrúa en primeiro termo este caso, ao ser o competente en materia de violencia sobre a muller.