Santiago mostra a relevancia das nobres Moscoso na cidade e no reino galego
A Casa do Cabido de Compostela acolleu onte a inauguración da exposición 'As Moscoso. Mulleres con poder na Compostela Baixomedieval', que percorre a historia da capital da Galiza a través das mulleres dunha familia da nobreza nos decisivos séculos XIV e XV.A mostra, organizada polo Consorcio de Santiago e comisariada polo historiador Miguel García-Fernández, manterase aberta até o 28 de febreir
A familia dos Moscoso é un dos dous grandes grupos nobiliarios da Compostela das dúas últimas centurias da Idade Media. Segundo sinala a Nós Diario o comisario da exposición e investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Miguel García- Fernández, "é unha familia que comeza a tomar poder no século XIV, onde algúns membros da mesma ocuparon o arcebispado de Compostela, como foi o caso de Rodrigo de Moscoso e do seu irmán Alonso Sánchez de Moscoso".
"O crecemento dos Moscoso no século XIV e nas primeiras do século XV trae consigo que un membro desta familia, Lope Sánchez de Ulloa, sexa nomeado en 1455 por Enrique IV conde de Altamira", apunta García-Fernández, que significa "o carácter urbano dos Moscoso" e destaca "unha política matrimonial que o levou a emparentar con outras familias nobiliarias, entre elas cos Castro a través de Fadrique Enríquez, o duque de Arxona". Precisamente, este lugar central na rede de poder do Reino da Galiza, converte os Moscoso en actores chave nos axitados séculos da Baixa Idade Media.
A revolta Irmandiña
As mulleres da casa dos Moscoso foron decisivas na política galega do século XIV e XV. Unha delas, Xoana de Castro, esposa de Rodrigo de Moscoso e Limia e nai de Bernal Eanes de Moscoso, participou a mediados do século XV, segundo García-Fernández, "no levantamento contra o arcebispo Rodrigo de Luna", significando algúns autores a súa relación coa posterior captura e cativerio de Alonso de Fonseca en Vimianzo, sucesor na sé compostelá de Rodrigo de Luna. Na mesma dirección, a mostra destaca Urraca de Moscoso, condesa de Altamira, casada con Pedro Osorio, un dos tres grandes dirixentes da revolta Irmandiña, derrotado na batalla da Almáciga de 1469.
Un dos aspectos significados na exposición aberta onte na Casa do Cabido é o labor desenvolvido polas mulleres da familia Moscoso na articulación do espazo urbano compostelán e na actividade de mecenado. Neste plano, García-Fernández sinala a Maior Pérez, "unha das fundadoras do mosteiro compostelá de Santa Clara no século XIV, que tamén xogou un papel moi importante no impulso ao mosteiro pontevedrés do mesmo nome". O historiador Suso Vila, un dos grandes estudosos de Maior Pérez, resaltou a visión empresarial desta muller e a capacidade de xestión do seu inxente patrimonio.
García-Fernández incide en que "a Idade Media foi tamén un tempo de mulleres" e lamenta que "nas historias sobre o Reino da Galiza, sobre os seus nobres, segue existindo un esquecemento das mulleres, que xogaron un papel de moito relevo".
Dous séculos para entender a dependencia
A historia da Galiza de hoxe non se explica sen o proceso desenvolvido entre os séculos XIV e XV. Nesas dúas centurias vivíronse os derradeiros capítulos da resistencia galega á incorporación subordinada do país á coroa de Castela, iniciado por volta de 1230 coa anexión da Galiza a Castela, na persoa de Fernando III, que tivo continuidade ao longo do século XIV, após as sucesivas derrotas do partido galego, encabezado polos Castro e foi consumada a finais do século XV tras o fracaso militar da rebelión galega. Son precisamente estes séculos os que recupera a mostra inaugurada onte na Casa do Cabido de Compostela, uns séculos, que segundo Miguel García-Fernández, "hai que reivindicar, nos que segue habendo Reino da Galiza, como un reino fundamental" no espazo ibérico.