Carolina Casal e Carme Varela: "Os Castro eran 'a nobreza da nobreza', non só na Galiza, senón tamén en Portugal"
O sábado 13 de decembro distribuirase como agasallo con Nós Diario unha biografía das raíñas galegas do século XIV Xoana e Inés de Castro elaborada polas investigadoras Carolina Casal e Carme Varela. Nesta entrevista, as autoras explican o proxecto político destas dúas monarcas da familia dos Castro.
—O século XIV é un momento decisivo na historia da Galiza, que continúa a condicionar a situación actual do país até hoxe, onde a familia Castro é o actor central dun alternativa política que busca modificar a sorte do país nun contexto de perda de poder e restaurar a súa hexemonía no espazo cristián peninsular. Que papel xogan neste contexto Xoana e Inés?
Carolina Casal: O século XIV é un século moi interesante, aínda que está moi denigrado pola historiografía pola epidemia da peste negra ou polos conflitos, pero non foi nada regresivo para Galiza, que naquela altura xogaba un papel decisivo no comercio do Atlántico. Un século onde a familia Castro era a máis abastada do país, onde os Castro era "a nobreza da nobreza" non só na Galiza, senón tamén en Portugal, e onde as súas mulleres non eran peóns senón mentes pensantes nun taboleiro político moi complexo.
Carme Varela: Os Castro ocuparon un lugar chave nas idas e vidas que tivo ese século. Un século XIV no que pasa de todo na Galiza, onde se vive unha burbulla de cambios e onde as cousas están en constante evolución, o que evidencia, fronte ao relato da historiografía oficial, que Galiza non estaba subsumida nunha sorte de morte cerebral. Os Castro son chave nesa historia: non só contan cun poder brutal no país, senón tamén nos reinos que están a carón da Galiza, como Portugal ou Castela, por iso o que lles acontece a Xoana e a Inés está ligado aos Castro; se non, elas non estarían no centro onde se decidía todo. As irmás Castro aparecen como perdedoras na historia, pero para perder hai que xogar e elas xogaron na mesa máis importante na que se podía xogar naquel momento.
—A maior das irmás, Xoana, chegou a converterse en monarca do reino plurinacional de Galiza, León e Castela, mais segue sendo unha gran descoñecida. Que destacarían dela?
C. C.: Xoana contaba cun patrimonio económico moi importante antes de casar con Pedro I procedente da herdanza do seu pai, Pedro Fernández de Castro, e da súa primeira parella, Diego Fernandes de Haro, que como o seu pai morreu no cerco de Alxeciras en 1343. O segundo patrimonio con Pedro I serviulle para medrar no seu prestixio, poder e influencia, pero para quen resultou vital foi para o monarca ao permitirlle contar co apoio militar da nobreza galega e dos Castro. Xoana decidiu enterrarse en Compostela, porque Compostela era vital para os Castro por contar cun panteón real. Alí estaba soterrado o seu pai, que era bisneto do rei galego Afonso VIII.
C. V.: De Xoana quedan sobre todo preguntas pendentes de contestar pola vía da documentación, pois é moi escasa a que existe sobre esta raíña. Unha destas preguntas é que cousas boas tiveron que pasar no matrimonio con Pedro I para que este nunca fora anulado. Outra pregunta é que tipo de poder tivo ela para que despois de estar casada co rei acabara enterrada no panteón real de Compostela; tiveron que acontecer cousas importantes onde ela xogou un papel chave para continuar como raíña. Se fose desposuída como raíña, como nos quixeron facer ver, non estaría soterrada en Compostela.
—A atención que merece Inés de Castro no ámbito literario, teatral ou cinematográfico non vai acompañada dun estudo a fondo da súa biografía ou da súa proposta política. Que significarían a este respecto?
C.C.: Os casos de Inés e de Xoana son diferentes. Inés era filla natural dunha relación de Pedro Fernández de Castro con Aldonza Lourenzo de Valadares, coa que non chegou a casar ao morrer esta moi cedo. A morte prematura da nai levou o pai a relacionar a filla nos ambientes da Corte, sendo educada como a súa irmá para alcanzar o poder e destacando como muller versada en economía ou política. O seu asasinato dáse nun contexto en que había medo ao peso dos Castro en Castela e Portugal e a que a súa influencia aumentase pola relación entre Inés e o futuro monarca portugués Pedro I.
C.V.: Se fose unha simple amante de Pedro I, porque o rei tivo moitas outras amantes e non as mataron, non a asasinarían. Matárona pola súa influencia sobre o rei e pola súa influencia sobre a política do Estado portugués. Inés executa o plan trazado pola familia Castro, que consideraba chave que houbese unha comunicación e unha relación entre o Reino da Galiza e o Reino de Portugal, pero unha parte de nobreza portuguesa vía isto como un risco. Se Inés non influíse na política portuguesa, como seguro que influíu, non a matarían.
O ciclo literario da raíña Inés de Castro
A escritora e investigadora Carme Varela salienta o "destacado rastro que deixou na literatura" Inés de Castro e afirma que "non houbo ningunha galega da que se escribira tanto como dela". A este respecto, asegura que "ese ciclo literario vai seguir e non vai parar agora", pois "Inés foi capaz de xerar narrativa, teatro, operas ou cine porque é unha historia con interese real", e apunta novas achegas "que introducen a temática do poder e a loita dos Castro en Portugal, como acontece co libro Inés de Portugal de Joao Aguiar". Neste punto, destaca a obra de teatro de Cándido Pazó Raíñas de Pedra, que "reúne o valor de enfrontar a vida das dúas raíñas como fixo Castelao no Alba de Gloria". Neste sentido, aposta pola "volta ás táboas desa obra porque hai hoxe un público que a recibiría moi ben". Após esta primeira entrega, o sábado 20 distribuirase con Nós Diario unha biografía da raíña galega Urraca.