Cinema con alma e sen medo
A “xeración de cristal” non existe. As novas creadoras rebélanse contra unha etiqueta que non se axusta á realidade e reivindican a súa propia verdade na gran pantalla. O único certo é que esta fornada de cineastas.
A Raquel Cocaño gústalle facer cinema por riba de todo. A pesar dos obstáculos que poida haber no camiño, esta estudante do dobre grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual nunca deixa pasar unha oportunidade: “Se alguén decide deixar de lado profesionalmente a arte é totalmente válido, mais se esa persoa abandona a súa visión do mundo a arte morre”. O 3 de xuño, Cocaño estreou o avance de Cancro Diario, o seu traballo de fin de grao e, ao mesmo tempo, o seu proxecto máis persoal. Este filme, duns 20 minutos, explora “os aspectos que menos se coidan cando se fala de cancro” e que ela mesma sufriu en primeira persoa despois de que lle diagnosticaran un linfoma de Hodgkin en agosto de 2023.
A enfermidade impediu que Cocaño puidese realizar o Erasmus que tiña previsto para ese curso, mais non apagou o seu amor polo cinema. Após unha entrevista, unha compañeira da universidade díxolle que tiña que escribir un libro. “Entón pensei: por que non unha película?”, lembra.
A comezos deste curso, ocorréuselle facer unha curtametraxe sobre o que lle pasara. Inicialmente pensou que non lle afectaría, que se sentía forte, mais finalmente si que lle influíu. O momento máis difícil foi o instante no que tivo que redactar a secuencia 12, na que a protagonista da historia, Olivia, recibe o tratamento de quimioterapia. “Non puiden rematar de escribilo porque me estaba afectando moito”, admite. Daquela, explicoulles a dúas das súas amigas que participaban na rodaxe, Bárbara e Uxía, como quería que fose a escena e esta última rematou de escribila por ela. “Serviume para materializar todo o que eu sentira e que non lle dixera a ninguén, todo o que non puiden contarlle á psicóloga”, admite.
Un retrato da Galiza que vén
Os hábitos de consumo do público mudaron en gran medida desde que os irmáns Lumière inventaron o cinema, alá polo ano 1895. “A sociedade contemporánea está instalada desde hai anos no consumo ultrarrápido”, asegura Cocaño. A directora de Cancro Diario considera que a cidadanía está “demasiado acostumada” a consumir os vídeos de TikTok e os reels de Instagram, aínda que nos últimos anos observou unha tendencia positiva: “Creo que a xente tomou conciencia da relevancia do cinema e que o público está regresando ás salas”.
Héctor Rodríguez, director de Poscoito —a produción galardoada co Mestre Mateo 2025 á mellor serie web—, opina que as plataformas de streaming son outro dos factores que influíron na transformación da industria audiovisual. “Estamos nunha época na que é moi doado acceder ao cinema, tamén aos grandes clásicos e ao cinema de autor”, agrega. Desde a visión de Rodríguez, a mocidade tamén desempeñou un papel moi importante no proceso de renovación e diversificación que viviu o sector nos últimos tempos: “Hai moitos xéneros e moitas persoas novas con moito por dicir”. Neste sentido, Rodríguez subliña que a xente nova que fai cinema fala de temas “que se trataron toda a vida”, aínda que agora incorporan unha nova mirada ou, nas súas propias palabras, un enfoque “máis fresco”.
Poscoito é un deses proxectos que amosan unha sensibilidade diferente desde o primeiro momento, unha obra que busca derrubar tabús no mundo audiovisual. Esta serie retrata as diversas situacións e conflitos que poden xurdir entre as persoas despois de ter sexo. Cada episodio está formado por historias independentes, cun elenco e ton diferentes que posúen como nexo común o momento poscoito. Con este traballo, Rodríguez busca “reflectir a súa versatilidade” como director e ofrecer unha “carta de presentación” da súa visión do cinema.
Detrás do obxectivo
A oferta formativa na industria cinematográfica galega non é homoxénea. Existe unha ampla diversidade de titulacións para aquelas persoas que queiran apostar polo cinema, desde o grao de Comunicación Audiovisual —que se imparte nas tres universidades galegas— até a formación profesional. Raquel Cocaño considera que o seu paso pola Universidade de Santiago de Compostela foi positivo, aínda que puntualiza que hai aspectos que deberían mellorar. “A formación é excesivamente teórica, está demasiado orientada á historia do cinema”, apunta.
Ademais, historicamente foi un sector marcado pola “hexemonía masculina”, apunta Cocaño, e iso implica que apenas se estudan directoras no grao.
O caso da Formación Profesional é ben diferente. Héctor Rodríguez estudou na Escola de Imaxe e Son da Coruña entre os anos 2017 e 2019 e salienta o carácter práctico do módulo: “Os dous anos que estudei alí o ciclo superior de Realización foron os mellores anos a nivel estudos”. Durante ese tempo, Rodríguez resalta que o equipo docente foi “moi estimulante” e que tivo un grupo de clase “moi bo”. O director de Poscoito cre importante que todos os espazos académicos se acheguen ao mundo audiovisual como o que é: un oficio creativo.
Os festivais como motor de talento
En 2004 naceu o Festival de Cans, no Porriño (comarca de Vigo) como un espazo modesto de intercambio cultural. Hoxe é un dos eventos cinematográficos máis importantes do país, como acreditan as 13.000 persoas que visitaron a edición XXII do festival e os 85 cineastas que participaron na cita. Carlota Álvarez foi unha das grandes triunfadoras deste ano. Esta directora —que acaba de rematar o dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual pola USC— conquistou o premio Novas Camadas coa curta Ciudá de Ladrillo, unha viaxe retrospectiva á aldea da súa avoa, Pieles, no concello de Cea (comarca do Carballiño). “O premio axudoume a darme conta de que outras persoas tamén valoran o meu traballo”, recoñece emocionada. Para ela, o aspecto máis positivo do audiovisual galego é que hai unha “gran rede de apoio” entre festivais e creadoras