A Xunta xestionará a Tarxeta Básica estatal, unha axuda análoga á que suprimiu en 2022
Fabiola García, anunciou esta segunda feira en rolda de prensa xunto ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que este ano a Galiza xestionará a tarxeta moedeiro para persoas en situación de emerxencia social que o Estado español puxo en marcha en 2024 con fondos europeos. Unha tarxeta que xa existía na Galiza, coñecida como Tarxeta Básica, e que o Goberno galego suprimiu en 2022 malia beneficiar máis de 70.000 persoas en dificultades económicas. A nova tarxeta terá unha vixencia de meses e contará cunha cantidade de entre 130 e 220 euros ao mes para gastar en determinados estabelecementos e comercios en alimentos e produtos de primeira necesidade.
Fabiola García criticou sta segunda que esta tarxeta do Estado que agora pasa a xestionar a Administración galega "deixa fóra familias que non teñan fillos ao cargo" ou ben "penaliza o rural", pois os acordos do Estado coas cadeas alimentarias que acepten este cartón circunscríbense nomeadamente os espazos urbanos. Aspectos que si contemplaría a tarxeta que o Goberno do que facía parte Fabiola Garcia decidiu eliminar malia as peticións en contra de entidades e colectivos que traballan con persoas excluídas.
Listas de agarda
Alfonso Rueda, na súa comparecencia semanal ante os medios tras a reunión do Consello da Xunta, afirmou a respecto das listas de agarda cirúrxicas que "a estratexia do Sergas é a acaida", malia que os días de espera media para unha cirurxía nos hospitais galegos aumentaron nos últimos seis meses, chegando aos 70 días no feche do primeiro semestre de 2025 —e cuxos datos se fixeron públicos a semana pasada— fronte aos 67 de agarda a 31 de decembro de 2024. "Estamos no bo camiño", afirmou Rueda.
Rueda pronunciouse así a preguntas da prensa na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego, unha comparecencia na que avanzou unha serie de "rebaixas fiscais" de cara aos Orzamentos para 2026, que se presentarán nos próximos días. Haberá "rebaixas" nos contratos de vitalicio —os acordos polos que unha persoa cede bens a cambio coidados—, así como a exención de tributación nos casos de axudas para facer fronte aos danos causados polos incendios forestais e aos pacientes enfermos de ELA.
O Goberno galego tamén aprobou esta segunda estender os cribados de colon, mama e cérvix á poboación reclusa dos cárceres na Galiza; ou o visto e prace a unha serie de axudas aos comedores das escolas infantís de iniciativa social.