A Xunta tardou 23 días en fechar a residencia de Amoeiro con "casos de desnutrición"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exixiu ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o cesamento da conselleira de Política Social, Fabiola García, porque “non fai o seu traballo” e por “incompetencia política”.
A demanda do BNG ten a ver co recente feche da vivenda comunitaria de persoas maiores de Amoeiro —privada pero con prazas concertadas pola Xunta da Galiza— debido ás “condicións deplorábeis” nas que estaban as residentes. Pontón argumentou que “15 días antes houbo unha inspección” da Xunta a ese centro e acusou o Goberno galego de “ocultar os datos e as actas”. Rueda respondeu que a Xunta da Galiza “fai máis de 1.000 inspeccións ao ano” e recoñeceu as deficiencias na residencia ao sinalar que “fixemos requirimentos que non cumpriron e ao final fechamos [o centro]". “Nós xa actuamos”, afirmou Rueda, quen defendeu a “profesionalidade e o rigor” da Consellaría de Política Social. “En canto se decide actuar, actúase”, afirmou en referencia aos casos de Amoeiro e Xinzo de Limia “e agardemos que non se produzan máis”.
Concretamente, o 8 de setembro foi a inspección na residencia de Amoeiro, o 26 produciuse a denuncia da familia dunha usuaria e o feche non aconteceu até o 1 de outubro, é dicir, 23 días após a inspección.
Pontón reprochou a Rueda esa actuación tardía da Xunta diante dunha vivenda comunitaria onde as persoas maiores vivían “en condicións deplorábeis, desnutridas, máis dunha semana sen bañarse, un ano sen cortar o pelo...”.
Denunciou que “levaban anos acumulando irregularidades e inspeccións”. Pontón criticou a Rueda que “aínda non cesara á conselleira de Política Social por permitir semellante infamia” e atribuíu parte destes problemas nos coidados “ao seu modelo privatizador que trata aos maiores como números nun negocio”. Tamén denunciou que a Xunta “oculta” as actas e información destas inspeccións que “deberían ser públicas para que este Parlamento e as familias as coñezan”.
"Chivatazos"
Rueda acusou a Pontón de facer “insinuacións miserábeis” e esquivou as críticas pola situación do centro de Amoeiro acusando o BNG de “insinuar que a inspección de traballo non traballa”. Ao respecto, Pontón demandoulle que “aumente o número de inspectores e inspeccións, e garanta que poidan facer o seu traballo”.
Lembrou Pontón denuncias do servizo de inspección de centros da Xunta da Galiza a respecto da existencia de “chivatazos” ás residencias que ían ser inspeccionadas, e espetoulle a Rueda que cando isto aconteceu, “o seu Goberno expedientou” aos inspectores que denunciaron. “Quen non defende aos inspectores é a Xunta da Galiza”, remachou a líder da oposición galega.