A Xunta rexeita a 'quita' da débeda malia elevala aos 11.936 millóns

Unha sesión no Parlamento . (Foto: Parlamento da Galiza)

O secretario do Tesouro do Goberno galego di que "non hai por onde coller" a condonación. 

A débeda da Galiza  é de 11.936 millóns de euros ao feche de 2024, o que representa 14,5% do Produto Interior Bruto (PIB). Nunha comparecencia esta quinta feira na comisión de Economía do Parlamento galego, o secretario xeral técnico e do Tesouro da Consellaría de Facenda, David Cabañó, defendeu que eses 11.936 millóns supoñen un peso de 3,55% do conxunto de comunidades. "Nunca a débeda galega pesou menos no conxunto de España como agora", afirmou.

Porén, esa cifra supón que a débeda medrou en 7.982 millóns desde a chegada do PP ao Goberno galego en abril de 2009, e así llo lembraron a Cabañó desde a oposición.

Noa Presas (BNG) criticou esta comparecencia como unha "oda autocompracente á súa xestión da débeda", que enmarca en "a súa campaña de propaganda" para "convencer que fixeron ben o que fixeron mal". A deputada nacionalista botou en cara que o PP "triplicou a débeda" desde a súa chegada á Xunta, "mais non melloraron os servizos públicos deste país".

Igualmente, Elena Espinosa (PSdeG) censurou que a débeda "se triplicou desde 2009", de modo que "aumentou escandalosamente desde que o PP asumiu" o Executivo galego, o que "deixa en saco roto que saquen peito" cos datos de 2024.

A quita

A respecto da condonación da débeda, o representante da Xunta da Galiza afirmou que "non hai por onde collela".  Presas reproboulle que busque "autoxustificar" o refugar a "oportunidade histórica" dunha quita de 4.000 millóns cando "é simplemente submisión á estratexia de Xénova". "Entren en razón, deixen de facer o ridículo", manifestou. Elena Espinosa, lamentou que se rexeite unha quita que "beneficia Galiza".