A Xunta porfía na compra de baixos fronte á crise da vivenda

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, esta segunda feira. (Foto: Xunta da Galiza)
A conselleira di que en Ourense “non hai máis solo” para construír

A Xunta da Galiza anunciou esta segunda feira que lanzará entre xaneiro e maio de 2026 unha oferta pública de compra de locais en Ourense, por un importe total de 2 millóns de euros, para “adaptalos e convertelos” en vivendas protexidas. Segundo explicou a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, “a idea é mercar baixos comerciais ou de entresollados baleiros e transformalos para uso residencial” para alugueiros como vivendas protexidas. Martínez Allegue ofreceu esta vía como a "única solución viábel" en Ourense, onde defendeu que “non hai máis solo onde poder construír".

De acordo con este “proxecto piloto” que baralla a Consellaría de Vivenda, cada local “deberá permitir a construción dunha vivenda” e afirmou que todos os espazos resultantes desta posíbel operación inmobiliaria da Xunta da Galiza “serán postos en alugueiro a prezos accesíbeis”. A Xunta informou esta segunda feira deste acordo do Consello de Goberno –ao que non asistiu o presidente, Alfonso Rueda, por atoparse en Madrid na reunión da Executiva do PP–. Os conselleiros de Presidencia, Diego Calvo, e Vivenda detallaron que o prazo de presentación para optar á venta de locais será a partir do día de publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG), a comezos de 2026, e até o  1 de maio. Como único requisito, os locais “terán que estar en bo estado e libres de cargas".


A pesar das críticas que esta solución dos baixos comerciais ten suscitado entre a oposición no Parlamento e as dúbidas entre a cidadanía a respecto das posíbeis vivendas resultantes, a conselleira de Vivenda defendeu esta segunda feira en rolda de prensa que esta solución habitacional mesmo permitirá “avanzar na erradicación do feísmo” nas cidades da Galiza. De acordo cos argumentos esgrimidos pola Xunta, estes baixos comerciais reconvertidos en vivendas para alugueiro terán esta dobre función estética.