A Xunta outorgará a Altri a Autorización Ambiental Integrada antes do verán

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. (Foto: Xunta da Galiza)

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou na maña deste domingo nunha entrevista radiofónica a intención do Goberno galego de outorgar a Altri a Autorización Ambiental Integrada antes do verán.

Vázquez asegurou que a pasteira que a multinacional portuguesa pretende instalar na localidade de Palas de Rei, na comarca da Ulloa, contará “en principio, non máis aló do verán" coa Autorización Ambiental Integrada da Xunta da Galiza.

As declaracións de Vázquez están en liña coa afirmado con anterioridade polos responsábeis do Goberno galego. Nesta mesma dirección, manifestouse hai meses o director de Altri na Galiza, Bruno Dapena.

Manifestación da Pobra do Caramiñal

As palabras da conselleira de Medio Ambiente chegaron só un día despois de que máis de 50.000 persoas e 600 embarcacións se mobilizaran por terra e por mar na Pobra do Caramiñal, na comarca do Barbanza, para reclamar a retirada do proxecto.

Vázquez dirixiuse aos asistentes a protesta asegurando que o Goberno galego mantén o seu apoio á celulosa. Nesta liña, xustificou a posición do Executivo asegurando que o PP "gañou dunha maneira contundente" as eleccións galegas de 2025.

"Todo o mundo coñecía de primeira man cal era a planificación da Xunta", aseverou Vázquez, quen considerou que o proxecto conta co aval das persoas que outorgaron  maioría absoluta aos populares nos pasados comicios.

A titular de Medio Ambiente defendeu a iniciativa de Altri e reclamou “máxima tranquilidade" ás persoas que "están angustiadas" polo proxecto. Nesta orientación, garantiu "non vai causar afección á saúde nin aos diferentes sectores produtivos".

Vázquez restou importancia ao impacto ambiental dunha pasteira, pondo como exemplo a sustentabilidade da factoría de Ence en Lourizán na ría de Pontevedra. A este respecto, apuntou que ao “falar de macrocelulosa moitas veces a xente di “o que se nos vén encima”. Pois a resposta é que hai que ver a Marín, que está á beira de Pontevedra, e todas as súas praias teñen bandeira azul".

Solicitude de fondos públicos para Altri

A responsábel da área medioambiental do Goberno galego volveu reclamar ao Executivo do Estado fondos públicos a fondo perdido para financiar o proxecto da multinacional portuguesa.

"Houbo grupos políticos”, afirmou Vázquez, "que chegaron a dicir que a Xunta ía dar 250 millóns de euros. Nós non podemos financiar a gran empresa, pero si que pedimos que, se cumpre, a achega ten que ser igual a esta empresa, que ao resto de empresas”.