A Xunta evita aclarar a orixe da filtración do informe de Augas da Galiza sobre Altri
A tramitación do expediente sobre a avaliación medioambiental da iniciativa da macrocelulosa Altri na Ulloa centrou esta terza feira, de novo, parte do debate no Parlamento galego.
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, evitou contestar de maneira directa a interpelación do deputado do BNG Luís Bará sobre a orixe da "filtración" a un medio de comunicación do documento emitido por Augas da Galiza sobre o proxecto da fábrica cando o expediente completo "está sen terminar".
Luís Bará preguntou a Ángeles Vázquez se "ordenou" a "filtración", un asunto que, para o nacionalista, debería obrigar a abrir unha investigación para "depurar" responsabilidades, dado que, un mes despois de que fora publicada en prensa a autorización de Augas da Galiza a Altri e de que horas despois confirmara esa autorización a propia conselleira, "aínda non se coñece" a resolución da declaración de impacto ambiental da que depende a instalación da multinacional portuguesa en Palas de Rei.
Ángeles Vázquez, pola súa parte, remarcou na resposta que se "fía" do persoal funcionario e lembrou que aínda deben emitirse "outros 30 informes" para ter lista a declaración de impacto ambiental, que se coñecerá "cando estean terminados".