A Xunta escenifica en Vigo a demanda do AVE Vigo-Porto xa comprometido e o Eixo Atlántico recomenda que Díaz Ayuso “deixe de montar barullo”
A Xunta reuniu en Vigo o presidente, Alfonso Rueda, o presidente da Rexión Norte de Portugal, Antonio Cunha; o alcalde de Porto, Rui Moreira; a presidenta do Círculo de Empresarios da Galiza, María Borrás; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, o seu homónimo na Confederação Empresarial do Alto Minho, Luis Ceia, entre outros.
O que ía ser un grande acto reivindicativo quedou en pouco máis que un mitin no que Rueda reclamou “un impulso” a esta infraestrutura e exixiu “un calendario de investimentos e obras” para ser “fiscalizado”. Os representantes lusos no acto, Moreira e Cunha, puxeron en valor os 6,5 millóns de habitantes da Eurorrexión, “unidos por vínculos sociais, económicos e culturais moi intensos".
O alcalde de Porto dixo que cada ano máis de 1,5 millóns de persoas viaxan entre Porto e Vigo, “unha cantidade similar á de Lisboa- Madrid” e pediu ao Goberno español que “priorice”’ esta conexión.
Nun manifesto asinado onte, no que tiveron que mudar o texto diante do compromiso expresado na terza feira polo Estado español coa conexión Vigo-Porto, asinaron os presentes “axilizar” os investimentos para a chegada do AVE.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, declinou o convite da Xunta da Galiza para asistir ao acto de onte. Rueda reprochou ao rexedor vigués desde o Parlamento a “falta de respecto institucional” pola súa resposta. Caballero nun audio remitido aos medios limitouse onte a asegurar que "a parte española está asegurada" para 2030 e pediu que o Goberno de Portugal “faga público" o seu compromiso tamén para esa data.
Sobre o feito en Portugal nesta infraestrutura, Moreira e Rueda deron valor aos "avances" realizados polo país luso, referíndose á adxudicación do Goberno portugués do primeiro tramo da conexión até Aveiro por 1.600 millóns de euros. O presidente da Xunta e o alcalde de Porto instaron o Goberno español a “actuar coa mesma determinación”. Insistiron ambos os dous mandatarios en que “non é aceptábel que a conexión prioritaria sexa con Madrid, mentres a nosa Eurorrexión continúa esperando".
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao sinalou onte que “non vexo a necesidade deste acto, que non beneficia en nada ás obras do tren entre a Galiza e Portugal”. Explicou Vázquez Mao que “todo vai dentro do previsto e non hai de que preocuparse e convidou o presidente da Xunta “que agora é un grande defensor da liña” a que “se quere facer algo ao respecto dígalle a Isabel Díaz Ayuso [presidenta da Comunidade de Madrid] que deixe de montar barullo co tren para tentar desviar os problemas que ten no seu entorno familiar”.
O alcalde de Vigo falou tamén onte da gratuidade da AP-9 e amosou o seu "convencemento" de que "a gratuidade da AP-9 sucederá cun Goberno socialista en Madrid".
O BNG pide ao Goberno tren de proximidade e a saída sur de Vigo
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pediu onte en Vigo ao Goberno español o despregue dun servizo de proximidades ferroviarias na Galiza "o antes posíbel", tal e como recolle o Acordo de Investidura asinado entre nacionalistas e socialistas, e tamén demandou partidas orzamentarias para a Saída Sur de Vigo nos orzamentos dos vindeiros anos para a súa posta en marcha no 2030. Nunha comparecencia en Vigo, acompañado do portavoz nacionalista, Xabier P. Igrexas; Néstor Rego reivindicou que foi o BNG quen acadou que o horizonte para a chegada da alta velocidade entre Vigo e Porto pasase de 2040 a 2030. O deputado nacionalista “celebrou” a “rectificación” do Goberno de Pedro Sánchez esta mesma semana volvendo á opción Vigo-Porto para 2030, mais advertiu que o BNG estará “vixiante” para que se pase das palabras aos feitos e que o resultado sexa un tren para pasaxeiros e mercadorías. "Seguiremos traballando e atentos aos vindeiros pasos", dixo Rego, que demandou tamén a mellora do Tren Celta actual, “que podería funcionar como un tren de proximidade”.
Xabier P. Igrexas, pola súa parte, puxo pon en valor o traballo realizado polo BNG en materia de infraestruturas e servizos ferroviarios.