A Xunta da Galiza nega que haxa unha "emerxencia lingüística"
A Xunta da Galiza respondeu esta segunda feira á mobilización que o domingo reuniu miles de persoas en Compostela para reclamar un novo rumbo na política lingüística. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, discrepou con que na Galiza haxa unha "emerxencia lingüística" -como denunciaban as persoas manifestantes- e o presidente galego, Alfonso Rueda, apuntou a que a oposición busca "apropiarse da lingua".
Apenas pasaran 24 horas da multitudinaria manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego en Compostela o domingo e xa había dúas reaccións por parte do Goberno galego. A primeira, de Valentín García, secretario xeral da Lingua, que discrepou coa designación de "emerxencia lingüística" e afirmou que a principal responsabilidade de protexer a lingua é da poboación, "falando máis galego, algún galego ou só en galego".
A segunda, do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que a preguntas de Nós Diario sobre se tomaba nota o Executivo das peticións das miles de manifestantes —como a derrogación do decreto de plurilingüismo no ensino—, respondeu: "Non ceo que sexa boa idea a apropiación da lingua", engadindo que na manifestación había "moitas bandeiras independentistas".
Rueda dixo que "a opinión maioritaria" dos galegos sobre o galego "manifestouse hai uns meses" —en referencia ás eleccións ao Parlamento da Galiza de febreiro— e que alí referendouse un "non á imposición". "O que non pode ser é que para chegar a un pacto [pola lingua ] haxa si ou si que aceptar o que di a oposición".
O titular da Xunta fixo estas declaracións na súa comparecencia ao remate da reunión semanal do Goberno galego. Unha xuntanza na que se concretou mobilizar o ano próximo máis de 35 millóns na planificación e posta en marcha de actuacións fronte aos riscos de inundación no ámbito da conca hidrográfica Galiza Costa.
O paquete de actuacións inclúe desde pasos encamiñados a evitar ou minimizar os desbordamentos —favorecendo por vía lexislativa as limpezas, endurecendo sancións ou rebaixando os informes e trámites necesarios para realizar obras— e a creación de áreas de inundación controladas en zonas urbanas, espazos deseñados para reter grandes cantidades de auga en casos de choiva intensa e con capacidade para integrarse en futuros corredores verdes. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que compareceu para explicar estas actuacións subliñou que en 2024 efectuouse a limpeza de ríos nunha área duns 500 quilómetros —dos 2.500 km que ten a demarcación Galiza Costa—.
Financiamento
A respecto da Conferencia de Presidentes autonómicos —que decorrerá o 13 de decembro en Santander—, Rueda resaltou que prevé aproveitar a cita para defender un modelo de financiamento "xusto" fronte á proposta do "cupo" catalán ou a súa posíbel extensión ao conxunto estatal. O presidente galego manifestouse nestes meses reiteradamente en contra dunha negociación bilateral entre o Estado e a Galiza sobre financiamento ou pedir a quita da débeda.
Aliás, Consello da Xunta aprobou esta segunda feira destinar 11 millóns de euros a comprar 85.000 doses da vacina contra o Herpes zóster, que no que vai desta campaña xa recibiron 28.000 persoas.