A Xunta busca eludir a súa responsabilidade no fogo de Oímbra que investiga a Xustiza
O incendio comezado o 12 de agosto de 2025 no municipio de Oímbra, na comarca de Verín, que deixou unhas 30.000 hectáreas arrasadas e tres bombeiros forestais con feridas graves polo lume –un dos cales, de 18 anos de idade, permaneceu tres meses hospitalizado por queimaduras de terceiro grao– volveu onte ao Parlamento da Galiza.
O debate desenvolveuse tres semanas despois de que o director xeral de Defensa do Monte do Goberno galego, Manuel Francisco Gutiérrez, se negara a explicar na comisión parlamentaria de Agricultura, Gandaría e Montes as causas do sinistro, que investiga o Xulgado de Verín.
O procedemento xudicial apunta a erros na xestión por parte do Concello de Oímbra e da Xunta da Galiza como causa do lume. Neste sentido, as pesquisas ordenadas xudicialmente determinan que as chamas provocounas un tractor contratado polo Concello de Oímbra e a empresa pública da Xunta Servizos Agrarios Galegos (Seaga), que realizaba traballos de roza o pasado 12 de agosto, nunha data en que estaba prohibido desenvolver estes labores, despois de que a Consellaría de Medio Rural ditara unha orde a finais de xullo en que desautorizaba executar este tipo de actuacións diante do risco extremo de incendio.
O papel da alcaldesa
A información recollida na causa xudicial aclara que desde 30 de xullo os responsábeis de Seaga tiñan coñecemento de que os traballos de roza ficaban prohibidos trasladándose a mesma orde o 3 de agosto aos municipios da provincia de Ourense. Porén, o 12 de agosto unha maquina da empresa pública da Xunta da Galiza e outra contratada polo Concello de Oímbra continuaban desenvolvendo labores de roza, atendendo ás ordes dos seus responsábeis. A este respecto, a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, declarou no xulgado que o día do comezo do incendio había dous equipos traballando na limpeza das pistas do municipio, descoñecendo que a súa realización estivese prohibida.
As declaracións de Villarino contradín as do empregado do Concello encargado de dirixir os traballos de roza da empresa contratada. Este asegurou que o día 12 coñecía a orde de Seaga porque lla comunicara a rexedora e manifestou que desde ese momento cesaron as tarefas para a Administración galega mais non para a local. Na mesma dirección, o sumario recolle testemuños de persoal de Seaga dando ordes verbais para retomar as rozas o 4 de agosto, así como do titular do tractor, quen asegurou que recibiu indicacións do Concello de Oímbra e de Seaga para continuar coas rozas. Naquela altura, a máxima responsábel de Seaga era Luisa Piñeiro, actual directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal.
O deputado do BNG Secundino Fernández interpelou na xornada de onte no pleno do Parlamento a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, sobre o acontecido. Na súa intervención , responsabilizou a "indiferenza, ineptitude e inutilidade dos dirixentes do PP na Xunta da Galiza" dun "incendio catastrófico que arrasou con todo ao seu paso e que case acaba coa vida de tres mozos que traballaban na brigada municipal do Concello de Oímbra". Nesta dirección, asegurou que "a neglixencia da Administración galega permitiu que este incendio se convertera no segundo máis grande da historia da Galiza" e cualificouno como "un fracaso estrepitoso que trouxo unhas consecuencias moi graves económicas, sociais e medioambientais".
Ana Villarino e Luisa Piñeiro
Fernández preguntou á conselleira do Medio Rural, "se estaba prohibido facer eses labores de roza polo risco extremo, que facía unha máquina contratada pola Xunta de Galiza a través de Seaga traballando nunha pista de titularidade municipal do Concello de Oímbra". Porén, Gómez eludiu responder á cuestión, negouse a dar explicacións sobre a actuación de Ana Villarino e de Luisa Piñeiro, e evitou pronunciarse sobre as súas responsabilidades, argumentando que o seu papel no incendio de Oímbra está a ser obxecto de investigación xudicial. Neste sentido, reiterou a liña expositiva defendida polo Goberno galego desde que se coñeceu a apertura do procedemento sobre o sinistro polo Xulgado de Verín.