Sanidade ampliará o próximo ano a vacina contra o papiloma humano a mozos de até 21 anos
Pontón e Rueda enfróntanse por demoras sanitarias e investimento nunha sesión marcada pola bronca ligada coa comisión de contratos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que, despois de que neste ano se empezase a vacinar na Galiza contra o papiloma humano os homes de até 18 anos, este límite ampliarase o próximo 2025 para abarcar os mozos de até 21 anos.
"Galiza seguirá á cabeza do calendario de vacinas non só en España senón no mundo", aseverou, en resposta á líder do BNG, Ana Pontón, quen lle preguntou sobre cuestións sanitarias nun debate que acabou en bronca tras denunciar a nacionalista que o PP "quere impoñer" o plan de traballo da comisión de investigación sobre contratos da Xunta da Galiza activada na Cámara galega.
Máis aló da discusión xerada ao redor deste asunto, na sesión de control Rueda realizou o anuncio relativo á ampliación do calendario autonómico de vacinas e, en concreto, ao paso encamiñado a combater o virus do papiloma humano (VPH). Fontes da Consellaría de Sanidade concretaron que, desde o 18 de setembro, vacináronse 3.442 homes de entre 15 e 18 anos.
Foi esta a xornada na que se iniciou a nova estratexia autonómica de vacinación fronte ao VPH co obxectivo de inmunizar a 27.000 mozos nados entre 2006 e 2009. Para desenvolver esta campaña no ano 2024, a Xunta trasladou que investiría 682.267 euros.
“Ten a 372.000 galegos en listas de espera”
Antes, Pontón, quen aproveitou as súas primeiras palabras para trasladar a súa solidariedade cos valencianos que padeceron os efectos da DINA, afeou a Rueda "ter a 372.000 galegos en lista de espera" e "ocultar" as demoras sanitarias do primeiro semestre deste ano 2024 publicadas polo Ministerio.
Fronte a Rueda, quen cuestionou as súas cifras, a nacionalista esgrimiu que son as "oficiais" que se deron a coñecer. Malia non pronunciarse sobre a solicitude do presidente galego relativa a que "pedise perdón" por "frivolizar sobre o bullying" no pasado pleno, no que Pontón acusou o presidente da Xunta de facer "bulliyng" .
"Inxusto é que haxa nada menos que 201 concellos sen pediatra e 11.000 nenas e nenos sen atención. Onde está a súa xustiza para eses nenos e nenas do rural?", preguntouse a nacionalista, quen tamén denunciou o "recortazo aplicado polo Goberno do PP na Atención Primaria nos últimos 15 anos", ao que puxo cifra: "1.961 millóns de euros".