A Xunta da Galiza advirte Cobre San Rafael: "Se a empresa non ten solvencia non vai poder executar o proxecto"

María Jesús Lourenzá, este 9 de xullo. (Foto: Xunta da Galiza)

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, negouse a dar información sobre a solvencia financeira da empresa que impulsa a mina de Touro-O Pino.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, advertiu de que Cobre San Rafael non poderá executar o proxecto da mina de Touro en caso de confirmarse a súa insolvencia. Estas declaracións chegan tras as acusacións de Ecoloxistas en Acción, levadas ao xulgado, sobre a posíbel situación de quebra na que se atopa a sociedade impulsora do proxecto.

Ecoloxistas en Acción sostén que a empresa impulsora da mina de Touro (Cobre San Rafael) está en "quebra" e debe disolverse, en base a un informe pericial encargado pola organización e entregado ao xulgado. Por iso, pediu invalidar a declaración como Proxecto de Interese Estratéxico (PIE) realizada pola Xunta da Galiza á mina de Touro por "graves irregularidades".

Pola súa banda, Cobre San Rafael desmentiu que a empresa estea nesta situación: "As cifras reflicten a situación habitual dunha empresa en fase previa á explotación industrial", sostén nun comunicado. Sen os ingresos propios da explotación, "a sociedade ten perdas todos os anos", defende.

Preguntada polos medios a este respecto, Lourenzá asegurou que a Xunta "só tramita proxectos solventes". "O proxecto ten que cumprir exactamente igual que calquera outro toda lexislación ambiental e por suposto ten que ter unha empresa detrás solvente para executar o proxecto. Se isto non se dese, o proxecto non vai saír", expuxo.

Con todo, asegurou que descoñece en que se basean as acusacións da asociación. Así mesmo, opinou que non é un asunto que "teña que valorar" esta, senón que "hai mecanismos legais, administrativos e xudiciais para que quede absolutamente garantido que un proxecto se pode executar".

Cuestionada especificamente polo seu coñecemento sobre a situación de solvencia de Cobre San Rafael, negouse a dar información da situación financeira da sociedade: "Non teño que dar aquí información da solvencia ou non solvencia de ningunha empresa".

"Queden todos tranquilos, que se a empresa non ten solvencia non vai poder executar o proxecto desde o punto de vista xurídico. Tamén que queden tranquilos Ecoloxistas en Acción, que non se preocupen, que se a empresa non ten solvencia non vai executar o proxecto", concluíu a conselleira.