Vivenda, eucalipto ou patrimonio: o PP muda máis de 60 normas cunha votación

Concnetración esta terza feira ante o Parlamento en defensa da sanidade pública. (Foto: Arxina)
Luz verde á Lei de acompañamento dos orzamentos, rexeitada por BNG e PSdeG.

Desde 2010, coa chegada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta da Galiza, os Orzamentos entran no Parlamento acompañados dun anexo, a Lei de medidas fiscais e administrativas, coñecida como Lei de acompañamento, que permite modificar leis, decretos e normativas previas a través dun só trámite. O PP volveu defender esta terza o seu dereito a recorrer a esta lei "útil, necesaria, constitucional e non ideolóxica", como a definiu no debate na Cámara Julio García Comesaña (PP). Olalla Rodil (BNG) criticou que os populares empreguen este recurso para "beneficiar as súas empresas amigas e atacar dereitos fundamentais da cidadanía" e Patricia Igrexas (PSdeG) cargou contra unha ferramenta que "furta o debate na Cámara" e favorece a "discrecionalidade".

Vivenda, sector forestal, fiscalidade, patrimonio, minaría, eólicos ou emprego. Até medio cento de leis e 15 decretos sofren algún tipo de modificación coa Lei de acompañamento que foi aprobada esta terza cos votos en solitario do PP, que aprobou no pleno as súas 48 emendas ao seu propio proxecto de lei. As 35 presentadas polo BNG e 84 do PSdeG foron rexeitadas pola maioría popular. "É un atropelo democrático, o PP outra vez a pasar o rolo", denunciou Rodil.

A través desta lei introdúcense unha serie de rebaixas fiscais cuxa aplicación levará a que a Xunta da Galiza deixe de ingresar en 2026 ao redor de 790 millóns de euros. Unha cifra superior á contía que este ano non ingresou a Administración galega (750 millóns) polas rebaixas fiscais da Lei de acompañamento de 2025.

O proxecto que esta terza se votou na Cámara contempla a eliminación de exixencias e restricións en diversos ámbitos, desde a protección da paisaxe ou o patrimonio até o xogo de azar. Unha das medidas máis polémicas, neste sentido, é que a Xunta prioriza por lei os eólicos sobre a paisaxe. Estabelece así o "interese público superior dos parques eólicos e as súas infraestruturas de evacuación en relación coa normativa de protección da paisaxe". 

O Executivo que preside Alfonso Rueda volveu emendar nesta Lei de medidas fiscais e administrativas a Lei do Xogo —aprobada en 2023 e que xa en 2024 e 2025 sufriu mudanzas a través da Lei de acompañamento— para facilitar determinados bingos ou xogos de azar. Ademais, a lei tamén contempla medidas para favorecer a apertura dos 'chiringuitos' nas praias ou facilitar as queimas preventivas en espazos da Rede Natura 2000 como medida de loita contra os incendios forestais.

Vivenda

Porén, é a vivenda un dos temas que máis mudanzas sofre por parte do PP a través da Lei de acompañamento. Así, permitirase a construción de "unidades habitacionais" dunha única estancia de 26 metros cadrados e mais 4 de baño xunto a espazos comúns en complexos semellantes a unha residencia. Para Olalla Rodil, "até agora na Galiza unha vivenda non podía ter menos de 40 metros cadrados, mais coa aprobación desta Lei de acompañamento van poder ter 32". Para a parlamentaria socialista Patricia Igrexas, con este tipo de propostas o Goberno galego "non está para resolver o problema da vivenda".

Ademais, a Lei de medidas fiscais e administrativas vai permitir ás promotoras de vivendas de protección autonómica (VPA) adxudicar estes pisos sen sorteo entre a poboación inscrita no Rexistro Único de Demandantes, vía até o de agora contemplada como excepción, cando estean destinados a alugueiro.

Eucalipto

Malia que a lei que acompaña os orzamentos non inclúe —por rexistrarse fóra de prazo no seu día— as emendas do PP para flexibilizar máis a 'moratoria' do eucalipto, si que inclúen a primeira proposta, que contempla medidas destinadas a facilitar a plantación e reforestación desta especie en zonas de piñeiros afectados pola praga da banda marrón. "Abren a veda a máis eucalipto en favor do lobby eléctrico e da Santa Trindade das pasteiras; Ence, Altri e Navigator", dixo a viceportavoz do BNG. 

Outras das mudanzas, e non menor, que o PP introduce a través desta lei é a de deixar en mans dos concellos permisos de Patrimonio que até agora debía outorgar a Xunta. "Impón unha nova lousa sobre os xa asfixiados concellos galegos, aos que carga con máis competencias impropias para as que non teñen nin orzamentos nin recursos", criticou Rodil. "É unha aberración, queren reducir a protección do patrimonio pasando toda a responsabilidade aos concellos, que  carecen de medios e capacidade", sinalou Patricia Igrexas.

Para Julio García Comesaña (PP), a oposición "cuestiona o Parlamento" ao "cuestionar" a Lei de acompañamento. Defendeu que as medidas propostas polo seu grupo e incluídas nesta lei "non eluden ningún control democrático" e "non usan ningunha porta de atrás". Mais non convenceu a oposición. "Estas mudanzas teñen consecuencias directas na vida das galegas e dos galegos, e non para mellorala, senón para todo o contrario”, asegurou Olalla Rodil. "A Galiza merece un proxecto de país, non un manual de instrucións de Génova [sede do PP español]”, remarcou Patricia Igrexas.