Institucións da Galiza suman esforzos pola igualdade de dereitos

María Ribas, Pedro Branco e Marilar Aleixandre (no centro), esta sexta feira. (Foto: Delegación do Goberno español na Galiza)
Actos do Día Internacional das Mulleres Traballadoras.

Esta sexta feira, na véspera do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, deputacións e concellos tinguiron de lilá as súas axendas para conmemorar unha efeméride coa que, un ano máis, reivindicaron igualdade de dereitos entre mulleres e homes.

Entre elas, a Delegación do Goberno español na Galiza que puxo esta sexta feira en valor o papel das mulleres no proceso histórico da Transición Española. Fíxoo nun acto conmemorativo decorrido na Coruña que uniu o 50 aniversario de 'España en liberdade' e a proclamación do 8 de Marzo pola ONU como Día Internacional das Mulleres Traballadoras. "As políticas públicas de igualdade son un instrumento para mellorar non só a vida das mulleres, senón a de toda a cidadanía", afirmou o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco.

Tamén a Xunta da Galiza presentou esta sexta feira a súa campaña institucional polo 8-M. Fíxoo cun acto decorrido no Hotel Monumento San Francisco en Compostela coa intervención das conselleiras de Política Social e Igualdade, Medio Ambiente e Vivenda, Fabiola García, Ángeles Vázquez e María Allegue, respectivamente.

O coruñés Circo de Artesáns acolleu esta sexta feira as xornadas "Retos e resistencias das mulleres migrantes" co obxectivo de reivindicar as múltiples barreiras que enfrontan no seu proceso de integración social, laboral e cultural e no exercicio pleno dos seus dereitos. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Igualdade, Sol Agra, foron os encargados de inaugurar o encontro, onde destacaron o compromiso da entidade provincial coa “igualdade real e efectiva entre homes e mulleres os 365 días do ano”.

“A pesar dos enormes avances aínda hai moito traballo por facer” sinalou o presidente. Agra, pola súa parte, fixo referencia á “tripla discriminación” que sofren as mulleres migrantes, “por xénero, procedencia e situación socioeconómica”.

A Deputación de Lugo sumouse un ano máis ás reivindicacións do 8-M coa lectura da declaración institucional aprobada por unanimidade no último pleno da institución provincial. Nun acto que decorreu na praza de San Marcos e que contou coa participación de deputadas e deputados do Goberno da Deputación e de edís do Concello de Lugo, a responsábel de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, reafirmou "hoxe, e todos os días, o compromiso cos valores do feminismo e da plena igualdade como un obxectivo irrenunciábel para poder consolidar democracias plenas".

A Deputación de Lugo deu conta tamén dunha "completa programación de actividades" que desenvolverá durante o mes de marzo para "reivindicar os valores do feminismo" e dirixidas a un público moi variado, desde a mocidade até a terceira idade nos centros de atención a maiores.

Ademais, a Deputación de Pontevedra conmemorou esta sexta feira o Día Internacional das Mulleres Traballadoras cun acto no vestíbulo do Pazo provincial para denunciar os “malabares” que teñen que facer a diario as mulleres para compatibilizar a súa vida persoal e familiar coa laboral.

Referentes de Compostela

O Concello da capital galega entregou esta sexta feira, nun acto conducido por Rosa Aneiros e decorrido no Auditorio da Galiza, os seus Premios Mulleres de Compostela 2025, cos que recoñece a traxectoria profesional e vital de mulleres vinculadas coa cidade. Nesta ocasión, recibiron o galardón Guadi Galego, Melania Cruz, Esperanza Nogueira, Teresa González, Carme Castro, Pilar Astray, María Suárez e Carmen Iglesias.