BNG, ERC e Amaiur impulsan unha iniciativa a prol do dereito a decidir
A organización frontista compareceu publicamente con ERC e Amaiur para presentar unha outra proposición a prol do dereito a decidir dos pobos.
As forzas políticas soberanistas de Euskal Herria, Catalunya e Galiza continúan a traballar no impulso de iniciativas que visan a materialización do dereito a decidir. Mentres, no noso país, tamén se moven cousas. E así a deputada do BNG Rosana Pérez desvelou en Barcelona que se están a dar pasos para a confluencia dos sectores sociais que defenden unha Galiza soberana. Converxencia de esforzos que ten por obxecto "concienciar á cidadanía galega" e impedir que o país fique fóra "dos procesos soberanistas" que avanzan por Europa.
BNG, ERC e Amaiur levarán ao Congreso o debate sobre o dereito de autodeterminación
Rosana Pérez pronunciouse nestes termos nunha comparecencia de imprensa conxunta entre BNG, Amaiur e ERC que tivo lugar esta terza feira en Barcelona. As tres formacións políticas presentaron unha Proposición non de lei que elevarán ao Congreso español a fin de fixárense "legalmente as bases do proceso para a transición" cara á independencia das nacións que así o decidiren nun exercicio democrático e popular.
Aliás, a proposición non de lei insta ao executivo español a "recoñecer e respectar a convocatoria e o exercicio" dun referendo de autodeterminación nacional "sobre a constitución dun Estado independente".
Desde Amaiur o deputado Jon Iñarritu asegurou que a negativa do Partido Popular a elevar o debate á Cámara reflicte "a intransixencia" e "a debilidade do Partido Popular" e salientou que máis cedo que tarde as nacións do Estado español exercerán "o seu dereito a decidir de forma democrática, pacífica e unilateral". Pola súa banda, Alfred Bosch (ERC) resaltou que "un Parlamento é para falar e aquí [no Estado epañol] non nos deixan nin debater".
As tres formacións políticas, que suman con esta xa diversas accións conxuntas a prol da soberanía nacional dos pobos, presentarán como Proposición non de Lei a proposta e evitarán así que poida ser vetada pola Mesa parlamentar.