A UDB bretoa toma nota da xestión municipal do nacionalismo galego

Monserrat Caracuberta, Araceli Gestido, Leticia Santos e Ana Miranda. (Foto: BNG)

A eurodeputada do BNG Ana Miranda amosa á concelleira da UDB en Rennes, Montserrat Casacuberta, as iniciativas desenvolvidas en concellos gobernados polo BNG no Baixo Miño e O Morrazo.

Mediante un percorrido polo Baixo Miño e O Morrazo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, amosou a concelleira da Unión Democrática Bretoa (UDB) en Rennes, Montserrat Casacuberta, as diferentes políticas desenvolvidas polos gobernos nacionalistas en Tomiño, O Rosal, Moaña e Cangas, centradas entre outras prioridades, “na mellora dá calidade de vida das persoas e a sostibilidade, consideradas como exemplos de boas prácticas en Europa”, sinalou Miranda.

“As políticas transformadoras do BNG nos gobernos locais son exemplo en Europa de boas prácticas e por iso temos a unha concelleira de Rennes interesada en coñecer as iniciativas desenvolvidas”, subliña Ana Miranda.

 Neste sentido, nos encontros mantidos coas alcaldesas de Tomiño, O Rosal, Moaña e Cangas -Sandra González, Anxela Fernández, Leticia Santos e Araceli Gestido, respectivamente- foron analizadas as diferentes iniciativas postas en marcha tanto respecto das intervencións no espazo público como da protección do medio ambiente, tendo en conta sempre a participación cidadá.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González destacou, por unha parte, os cambios levados a cabo ao longo dos mandatos na transformación do espazo público mediante a creación dunha nova praza como espazo de convivencia; e por outro, os cambios que se están desenvolvendo actualmente no modelo de recollida de residuos, no que a compostaxe xoga un papel moi importante.

Orzamentos participativos

A alcaldesa do Rosal, Anxela Fernández, explicou o compromiso do seu Goberno coa sostibilidade ambiental, a conservación do medio ambiente e o aforro enerxético, incrementando a compostaxe e potenciando os espazos seguros e unen os distintos núcleos de poboación. “A través dos fondos Next Generation transformamos o 90% do alumeado público”, explicou.

Leticia Santos e Araceli Gestido, a respecto da súa respectiva acción de goberno salientaron a importancia de fomentar a participación veciñal e desenvolver uns “orzamentos participativos”, nos que as veciñas e os veciños poidan facer as súas consideracións nos proxectos que se desenvolven nas vilas. Neste sentido destacaron a necesidade de contar cos colectivos veciñais e os movementos sociais nas diferentes accións de goberno. Ademais, no encontro mantido con Ana Miranda e Monserrat Casacuberta fixeron fincapé nas iniciativas desenvolvidas en materia de vivenda e saneamento.

A concelleira bretoa agradeceu poder visitar Galiza e comprobar os cambios experimentados nas localidades gobernadas polo BNG. “É moi grato poder coñecer en persoa as políticas transformadoras que desenvolven os gobernos do BNG e poder trasladar ideas a Bretaña”, subliñou  Montserrat Casacuberta.