Tensión entre o Partido Popular e José María Aznar con Venezuela de fondo: "FAES non é o PP"

José María Aznar e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Matias Chiofalo / Europa Press)
José Luis Martínez-Almeida (PP) destacou que a a liña 'popular' é marcada pola dirección do partido, co presidente da formación, Alberto Núñez Feixoo, á cabeza.

O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida (PP), recoñeceu que a forma na que o presidente da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro, foi secuestrado "posiblemente non sexa a máis ortodoxa" mais destacou que se conseguiu que, na súa opinión, haxa "un ditador menos no mundo".

Ademais, lembrou que FAES, a fundación liderada polo ex presidente do Goberno español José María Aznar (PP) e que tivo un posicionamento duro sobre este tema en relación ao presidente dos Estados Unidos Donald Trump, "non é o PP". Aínda que para o rexedor sexa "unha fundación de referencia", a liña 'popular' é marcada pola dirección do partido, co presidente da formación, Alberto Núñez Feixoo, á cabeza.

Nunha entrevista, o primeiro edil madrileño insistiu en que "a forma non é a que convence a todos" e que pode non corresponder co Dereito Internacional, mais "hai un ditador menos no mundo e iso é motivo de alegría". "Isto ten que continuar e o futuro venezolano non pasa por Delcy Rodríguez senón por respectar a vontade dos venezolanos, que dixeron claramente que Edmundo González Urrutia é o presidente lexítimo e que María Corina Machado é un símbolo de resistencia moral que ten que ter un papel importante", sostivo.

Almeida lembrou que "os Estados Unidos non recoñeceran Nicolás Maduro como presidente de Venezuela e non se lle persegue por ser ese xefe de Estado que non se recoñece, perségueselle por ser un narcotraficante cunha serie de causas penais que están nos Estados Unidos, que se están seguindo en Nova York".

Así o afirmou a pesar de que a propia Xustiza dos EUA recoñeceu esta semana que o "Cartel dos Soles", supostamente liderado por Maduro e o que supostamente empregaba para a súa actividade de narcotráfico, non é unha organización real.

Ademais, e a pesar da quebra do Dereito Internacional que el mesmo recoñece, aínda que de forma laxa, o alcalde madrileño argumentou que a captura de Maduro supón para a Unión Europea "unha oportunidade de ser esa lucecita que di que a democracia liberal é a mellor mensaxe de esperanza que se pode ter nestes momentos".

Sobre o feito de que o presidente dos Estados Unidos de América opine que a líder da oposición venezolana María Corina Machado non conta co apoio e o respecto do pobo venezolano, Almedia afirmou "que tampouco se cadra se ten que tomar ao pé da letra o literal que dixo Donald Trump senón o espírito".

Ademais, con respecto a Groenlandia, o alcalde cre que tampouco hai que seguir ao pé da letra as palabras de Trump e si "saber a dirección que está a marcar". Así o dixo a pesar de que esta propia cuarta feira a Casa Branca afirmase que o presidente dos EUA non descarta o emprego do Exército dos Estados Unidos para conseguir facerse coa illa.