Sumidoiros do Estado
Karl Marx desvelounos o nexo existente entre Estado e capital. Precisamente, e a este respecto, a finais dos anos 60 e comezos dos 70 do século pasado, a natureza do Estado nas sociedades capitalistas xerou un salientábel debate entre dous influentes teóricos marxistas, Ralph Miliband e Nicos Poulantzas. Para o primeiro, o Estado sería un instrumento directo de dominación da clase dominante mentres que, para o segundo, o Estado non constituiría un aparello controlado directa e absolutamente pola burguesía senón que gozaría de certa autonomía relativa. Porén, malia os debates e diverxencias teóricas, sempre necesarias no avance do coñecemento, deberiamos ter presente que, nunha sociedade de clases, o Estado nunca vai ser unha maquinaria neutral. No sistema capitalista, o Estado favorece os procesos de acumulación de riqueza e poder dos sectores privilexiados.
Alén da actividade visíbel, a reprodución da dominación tamén funciona por debaixo da superficie institucional que se nos presenta como algo imparcial e con garantías. Abondan os exemplos para afirmar que cando a formalidade democrática resulta incómoda para os intereses das oligarquías, e coa fin de garantir a orde estabelecida e de evitar mudanzas contrarias a eses seus intereses, recórrese a prácticas e procedementos que contradín abertamente as regras e os comportamentos que se considera deben rexer nos sistemas democráticos. Ademais, o devalo democrático e o branqueo dos autoritarismos van facilitar que estas prácticas se desenvolvan cun menor custo político e con menor contestación social. Igualmente, vano facilitar aquelas condicións, como no Estado español, onde se permitiu que elementos procedentes do franquismo continuasen actuando e reproducíndose enquistados nas institucións estatais.
Guerras sucias
Porén, antes de seguir, cómpre facer unha distinción. Aínda que con límites imprecisos, as guerras sucias e os sumidoiros de Estado non se poden identificar necesariamente con tramas de corrupción económica orientadas a procurar beneficios e enriquecementos particulares e ilegais. Nos sumidoiros de Estado ou Estado profundo (deep state) estase a operar mediante redes de grupos de poder (político, xudicial, policial, económico, mediático...) que actúan ilegalmente na sombra coa finalidade de manobrar politicamente e en paralelo ás institucións elixidas democraticamente. Son prácticas orientadas salvagardar o poder político do capital e que, calquera que defenda un profundamento da democracia cara un mundo máis xusto e socialmente igualiatario, debe combater sen miramentos.
As guerras sucias, os sumidoiros estatais e as brigadas político-policiais fan parte do tándem Estado e capital
A campaña orquestrada contra Pedro Sánchez, con claros compoñentes de lawfare e de conivencias policiais, mediáticas e empresariais, semella perfectamente encaixábel nesas prácticas soterradas que se xestionan desde o que se ven chamando sumidoiros de Estado. Campaña que, cómpre sinalar, comezou á marxe dos casos de corrupción interna no PSOE. Mais, non esquezamos que este partido tamén recorreu aos sumidoiros de Estado na guerra sucia dos GAL contra ETA e o mundo abertzale e ten gardado silencio cómplice cando gobernos do Partido Popular os utilizaron recentemente contra o nacionalismo catalán ou contra Podemos. Lembremos.
Na denominada 'Operación Cataluña' teñen participado ou colaborado, dun ou doutro xeito, cargos políticos, funcionarios, membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, fiscais, xuíces, empresarios e medios de comunicación, cada un desde o seu ámbito particular, co propósito de criminalizar o soberanismo. Nesta operación usáronse medios ilegais de control, fabricáronse informes falsos ou manipulados e construíronse montaxes por parte dunha "brigada político-policial" con datos obtidos de forma fraudulenta ou baseados en elucubracións de procedencia ambigua e anónima, coa idea final de fabricar un relato que dese aparencia de caso auténtico e contrastado para poder trasladalo posteriormente á prensa e aos xuíces.
As operacións 'Bolívar' e 'Venus' contra Podemos foron tamén unha guerra sucia de manual. Nestes casos, a brigada política do Ministerio do Interior do PP vixiou e procurou información de xeito ilegal contra esta organización onde se fabricaron bulos sobre un suposto financiamento ilegal e se inventaron vínculos económicos con Venezuela. Coa 'Operación Cardenal' montouse un falso caso de narcotráfico contra o ex parlamentario europeo de Podemos, Miguel Urbán, a quen se intentou vincular cunha operación de compravenda de 40 quilos de cocaína.
As guerras sucias, os sumidoiros estatais e as brigadas político-policiais non son meras anomalías anecdóticas que se dan esporadicamente en inmaculadas democracias liberais, senón que fan parte do tándem Estado e capital.