Sumar pide un referendo consultivo sobre Altri
O secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, considera que “o Partido Popular vende Galiza a Altri cun informe de impacto ambiental totalmente a medida”. Na súa opinión, “trátase dun proxecto perxudicial para a saúde da poboación, perxudicial para o entorno singular no que se instalaría e non responde aos intereses de Galiza”.
Considera que “destruiría todo o tecido social e económico existente, como o turismo e o sector primario”. Afirma López que “as industrias de enclave non son o modelo que queremos para a Galiza”.
Cre que aínda hai vías que permitirán paralizar o proxecto: “Abriremos tres vías: pola vía administrativa con alegacións; pola política con todo o peso do grupo Sumar no Congreso; e pola vía popular, queremos a celebración dun referendo nas localidades afectadas.”
Pola súa parte, a presidenta de Movemento Sumar Galiza, e portavoz de Sumar no Congreso dos Deputados, Verónica Barbero, abundou na vía que se abre para parar o que chama “barbarie medioambiental”.
“Levaremos a cabo todas as accións necesarias”. Anunciou que desde o seu grupo no Congreso está xa a traballarse en diferentes iniciativas que permitan “salvar non só a Ulloa, tamén todo que está río abaixo, ata a ría de Arousa”.