Sumar Galicia, tras a dimisión de Vilares, pide "tolerancia cero" cos "agresores sexuais"
Movemento Sumar Galicia pediu "tolerancia cero" cos "agresores sexuais" tras coñecerse na tarde desta terza feira que o conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, presentou a súa dimisión despois de que lle fose notificado que está investigado por un presunto delito de agresión sexual.
Nun comunicado remitido aos medios, o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, trasladou a súa "máxima solidariedade coa vítima" e pediu "tolerancia cero" cos agresores sexuais, que considera que "deben deixar todos os seus cargos e non deben estar nin un segundo máis no exercicio do poder".
A raíz da dimisión do conselleiro, trasladou a súa "máxima solidariedade coa vítima". "O único que podemos esperar desta difícil situación é que se obteña xustiza o máis axiña posíbel, e reparación para unha vivencia que sempre é terríbel", afirmou.
"Confiamos en que o tribunal poida resolver de forma áxil para evitar alongar o sufrimento da persoa afectada", indicou para asegurar que están comprometidas "na construción de espazos e sociedades seguras, e non podemos máis que pornos á beira da vítima, sempre". "En Sumar cremos nunha política limpa e honesta, e esperamos que feitos como estes non teñan caída nin na sociedade nin na xestión pública", finalizou.