O DEBATE | Son compatíbeis a celulosa de Altri e a mina de Touro co marisqueo na ría de Arousa?
As ameazas invisibles
Venancio Salcines. Doutor en Teoría Económica e asesor de Cobre San Rafael
A Galicia do interior entende perfectamente o que é o ostracismo. O ser e deixar de ser. O ter e deixar de ter. O que nunca comprendeu é por que ninguén lle falou nunca mirándoa aos ollos. A revolución industrial baleirouna, rouboulle aos seus mozos e aos seus capitais. Afianzouse a idea de que o desenvolvemento industrial non podía convivir coa economía agraria. Hoxe, esa idea volve estar encima da mesa, pero o lugar que ocupaba o campo pasa a ocupalo o mar; esencialmente as rías e, máis especificamente, as máis poboadas, como a ría de Arousa. Está a ocorrer o mesmo? Na ría de Vigo non hai ninguén menor de trinta anos que se dedique ao marisqueo do montón. Ocorre o mesmo en Cedeira, A Mariña, Costa da Morte ou Fisterra. Na Coruña-Ferrol, catro, en Arousa, dezaoito. A tendencia é inequívoca e a pregunta única.
Onde está a substitución xeracional? Uns non naceron, outros na industria ou nos servizos. Volverían ante un declive industrial? Difícil. O marco de elección xa está decidido. Nada diferente ao que está a ocorrer noutros moitos oficios, profesións con rumbo gremial. Os mozos desexan emprego de calidade e entenden que o mar non é o lugar axeitado e, o que é máis importante, os pais apóianos na súa decisión. E sen mestre na tradición familiar, difícil que exista discípulo.
Isto lévanos á primeira verdade, o desenvolvemento industrial está aí e a estratexia non debe ser frealo, senón domesticalo. Quitarlle a súa hostilidade, se algunha vez a tivo, dulcificalo e obrigalo a dialogar coa sociedade. Ten que aprender a convivir coas actividades económicas máis tradicionais. E estas, a visibilizar cales son as súas ameazas reais. Segundo Greenpeace, os xurros contaminan o 23% das augas subterráneas e o 22% das superficiais ignorámolos? Un estudo da Universidade de Vigo, de 2018, advirte da elevada presenza de cobre nas terras dedicadas á produción vinícola. A orixe está no uso do sulfato de cobre dentro do denominado “caldo bordelés” ou o oxicloruro de cobre, ambos os dous fungicidas permitidos na agricultura ecolóxica. Se ao anterior lle sumamos o estado deplorable dalgunhas depuradoras municipais, entón temos un mapa digno de estudo. A alguén lle importa? En absoluto. Estas e outras son as ameazas invisibles que ninguén quere ver. Abordalas ten un custo político evidente, máxime se se fai desde a demagoxia. A mesma que se usou para non denunciar o prexuízo medioambiental que a cidade de Santiago estaba a facer ao Sar e, por extensión, á ría de Arousa.
As rías teñen ameazas, unhas evitables, outras, como o cambio climático, non tanto. O que toca é facer unha análise serena, que nos dea unha radiografía correcta e un mapa temporal, onde as voces dominantes sexan as técnicas e non as políticas. A partir deste punto, deseñar un plan estratéxico, onde definamos que actividades industriais desexamos potenciar e como debemos loitar contra o envellecemento que arrasa as actividades extractivas do mar. Con iso, deseñar un marco lexislativo que dea seguridade xurídica ao investidor e, desde aí, centrarnos en crear, nas nosas rías, emprego de calidade, é o que buscan os nosos mozos e os seus pais e Galicia.
A Xunta quere acabar coa ría e privatizar o mar
Inma Rodríguez. Presidenta da Organización de Produtores Pesqueiros-20 da Illa de Arousa
A produtividade da ría de Arousa está vencellada á súa orientación e ao fenómeno do afloramento. Ou sexa, unha dinámica de ventos do nordés que arrastran as augassuperficiais cara á boca da ría, creando un baleiro que ocasiona a entrada de auga fría e profunda que ascende rica en nutrientes e provoca a formación de plancto. Este proceso renova as augas interiores e dilúe a contaminación.
No escenario actual de menos nordés só podemos actuar sobre a contaminación e os baixóns de salinidade que sofren uns bivalvos debilitados pola falta de alimento. As mortaldades masivas causadas polos desencoros resólvense cunha estrita regulación que obrigue a demodular o caudal do río en marea alta. A Xunta ten todas as competencias e podería actuar, pero semella que a decisión política é deixar morrer o marisqueo e introducir a peixecultura que declararon de interese xeral en agosto de 2011, segundo recoñeceu Miguel Fidalgo, portavoz de pesca do PP na súa intervención no Parlamento de Galicia rexeitando a declaración de interese xeral do sector do mar tradicional.
Neste contexto Rueda promove a instalación dunha celulosa en Palas de Rei e a reapertura da mesma mina de cobre en Touro, rexeitada cunha DIA negativa en 2020. Hai un nexo común en ambos proxectos, son “industrias de enclave” que detraen recursos do país, exportan a materia prima para a súa transformación -por tanto o valor engadido vai para fóra- e déixannos a súa contaminación de por vida (75 e 90 anos de concesión respectivamente). Parece lóxico concluír que o Executivo galego non está pensando en promover o modo de vida e prosperidade da ría de Arousa, senón ao contrario, está actuando para acabar con ese modelo sostible que nos garante a soberanía alimentaria e reparte a súa riqueza no país.
No actual escenario de cambio climático é realmente perverso impulsar actividades industriais que demandan tanta auga da bacía hidrográfica do rio Ulla e que incrementan a súa contaminación. Xa na actualidade podemos comprobar a tendencia dos datos históricos: o devalo do caudal medio do río Ulla. Todas as prospeccións ata o 2100 —incluso tomando medidas mitigadoras do cambio climático— confirman que imos ter menos auga.
Que modelo de futuro para as vindeiras xeracións esta promovendo o Partido Popular? Acabar co modelo que temos que fixa CO2, é sostible a nivel ecolóxico e socioeconómico, nos garante alimento de calidade e nos deixa a riqueza repartida entre nós. Impulsar, con diñeiro público, un modelo contaminante, que acelera o cambio climático, que consume moitísima auga e que non é sostible e destrúe o noso tecido produtivo e transformador no mar e no interior, pero tamén afecta ao turismo sostible, á nosa gastronomía e á paisaxe cultural de Galicia
O rio Ulla e a ría de Arousa configuran unha realidade ecoxeográfica que non se pode dividir en compartimentos estancos, é unha realidade ecosistémica unitaria e o río Ulla é unha autopista que traslada a contaminación en 24 horas á ría de Arousa. A Xunta esta permitindo que Altri avalíe só o impacto no encoro de Portodemouros e a mina avalíe o impacto só sobre os ríos Lañas e Brandelos —afluentes do río Ulla—, pero realmente terían que realizar unha avaliación conxunta de todos os proxectos que actúan sinerxicamente sobre ese ecosistema unitario.