Os sindicatos opóñense ao acordo de aranceis imposto por Trump á Unión Europea

Brais Álvarez, Roberto García, María José Gómez, Francisco Bello e Juan José Cerviño onte na Consellaría de Medio Rural. (Foto: Xunta da Galiza)

Os axentes sociais agardan polo texto completo do acordo de aranceis entre os Estados Unidos de América (EUA) e a Unión Europea (UE). Mentres os sindicatos rexeitan o pacto e advirten dos seus efectos negativos para as traballadoras e os traballadores, a patronal valora "positivamente" o documento

O acordo sobre aranceis e investimentos imposto por Donald Trump á Unión Europeaimpacta de cheo na economía galega. A este respecto, os sindicatos manifestáronse unánimes na crítica ao texto pactado, sinalando a este xornal o secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, que "o acordo é a confirmación da irrelevancia no contexto mundial da Unión Europea, que aparece entregada a Estados Unidos, aceptando este acordo de aranceis que non se pode desligar do aumento do gasto militar. Estase constatando que a Unión Europa é unha correa de transmisión de Estados Unidos".

"O acordo vai implicar un recorte nos dereitos dos traballadores e das traballadoras e un empobrecemento xeral da poboación", asegura Carril, que considera que "a patronal vai querer cobrarse os custos dos aranceis mediante a redución dos dereitos e dos salarios do seu persoal". Neste punto, destaca que "Estados Unidos sae reforzado e vanse ver moi resentidos diversos sectores produtivos da economía galega, nun contexto onde o libre mercado volve xogar contra nós".

Desde a Unión Xeral de Traballadores (UXT) da Galiza, sinalan a Nós Diario que "o contido do acordo, que impón unilateralmente aranceis de 15% ás exportacións europeas, sen unha contrapartida arancelaria equivalente por parte da Unión Europea, xunto co compromiso europeo de adquirir enerxía -especialmente gas licuado e combustíbel nuclear- e equipamento militar estadounidense, por máis de 1,3 billóns de dólares, supón unha cesión preocupante de soberanía económica e industrial".

"Este desequilibrio que algúns cualifican con resignación como o mal menor, non pode ser aceptado sen unha reflexión profunda sobre o rumbo que debe tomar a UE", aseguran desde UXT,  considerando que "non se trata só de evitar máis aranceis, trátase de non ceder soberanía nin futuro a cambio dunha paz comercial temporal e incerta".

Comisións Obreiras da Galiza "rexeita o acordo humillante e empobrecedor" e considera que "este pacto reflicte unha subordinación dos intereses europeos aos estadounidenses, contradicindo o principio de autonomía estratéxica que debería guiar as relacións comerciais da Unión Europea". Neste sentido, entenden que "unha Europa verdadeiramente autónoma esixiría condicións recíprocas e protección do seu tecido industrial fronte á asimetría imposta".

"Este pacto", continúan desde Comisión Obreiras, "supón un fracaso sen paliativos da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e é unha capitulación da Unión Europea fronte ás presións proteccionistas da Administración estadounidense, liderada por Donald Trump". Nesta liña, denuncia que afecta a "sectores chave" da economía e que " prexudica as persoas traballadoras".

Resposta da patronal

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, apunta a Nós Diario que "desde a CEG pomos, en primeiro lugar, a seguridade xurídica e a estabilidade como compoñentes fundamentais do escenario ideal para que as nosas empresas actúen e poidan seguir crecendo, neste sentido debemos valorar positivamente o acordo alcanzado que esperamos poña fin ademais a unha confrontación entre os dous socios económicos máis importantes do mundo que xa duraba máis do desexado".

Vieites agarda a que se coñeza o texto definitivo do acordo para facer unha análise máis a fondo do documento pactado, pero alerta  que "o arancel xeral fixado en 15% gravará a maioría dos produtos exportados desde a Unión Europea e, por suposto, desde Galiza" e advirte "non só dos efectos directos sobre as exportacións galegas senón tamén, e non menos importantes, os efectos indirectos".

"Os produtos afectados", apunta Vieites, "non serán só aqueles que se exportan directamente ao mercado estadounidense, xa que numerosas empresas galegas, aínda que non exporten a Estados Unidos, son provedoras doutras empresas españolas e europeas que si o fan".

Unha das voces do sector empresarial da Galiza que fixo público o seu apoio ao acordo  dos Estados Unidos coa UE foi o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, que antonte, na presentación dos resultados da entidade, asegurou que "é unha boa nova", que "rematará favorecendo o potencial exportador da Galiza". Neste sentido, garantiu que o pacto de aranceis entre EUA e a UE ten "efectos positivos" e "non nos resta capacidade competitiva".

O BNG rexistrou onte  unha iniciativa no Congreso instando o Goberno español a rexeitar o "nefasto" acordo, ao consideralo "moi negativo para os intereses económicos e comerciais da Galiza e da UE e que castigará aínda máis as clases populares galegas, do Estado español e da Unión Europa". A este respecto, o deputado nacionalista, Néstor Rego, considera que "este acordo retrata o que representa a UE como estrutura ao servizo das oligarquías dos países centrais" e "como instrumento en Europa ao servizo dos intereses estadounidenses".

Organizacións agrarias e Medio Rural rexeitan o recorte na PAC

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, mantivo onte un encontro con representantes dos sindicatos e das cooperativas agrarias para analizar a proposta de orzamento comunitario plurianual da Unión Europea para o período 2028-2034, que recolle un recorte dos fondos destinados á Política Agraria Común (PAC) de 84.000 millóns euros, o que significa unha caída das axudas agrarias de perto de 21,7%. A redución das partidas comunitarias dirixidas á agricultura é consecuencia do aumento do gasto militar en 104.800 millóns de euros.

Gómez acordou coas organizacións agrarias convocar unha reunión do  Consello Agrario para debater o impacto no complexo agrario galego da proposta de orzamentos formulada pola Comisión Europea e crear  grupo de traballo específico sobre a PAC. A proposta foi valorada positivamente polos representantes da Asociación Agraria de Galicia (ASGA), da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca), do Sindicato Labrego Galego (SLG) e de Unión Agrarias (UUAA). Pola súa parte, o dirixente de Fedración Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, lamentou que "a UE aposte polas armas e non pola agricultura". Onte tamén, o PSdeG reclamou a Rueda defender o sector agrario en Bruxelas.