Sanidade opta por voluntarios e MIR para cubrir Atención Primaria no verán
Persoal médico voluntario e residentes de cuarto ano, esta é a proposta que a Sanidade activa este verán para facer fronte ao problema na Atención Primaria derivado da falla de persoal e aumento en moitas comarcas da poboación a atender. A mesma receita que activou o ano pasado e recibiu críticas de plataformas de usuarias e profesionais por considerala "insuficiente". A Xunta non opina igual. "O ano pasado [o plan] funcionou", dixo esta segunda feira Diego Calvo.
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, compareceu ao finalizar a reunión semanal do Goberno galego en substitución do presidente, Alfonso Rueda, de viaxe oficial a Porto. Unha comparecencia na que Calvo anunciou o plan de reforzo da Consellaría de Sanidade para este verán, dotado con 12,5 millóns de euros. Un plan que consiste, basicamente, en recorrer a persoal voluntario e residentes MIR para facer gardas en Atención Primaria. Non é unha estratexia novidosa. Foi a mesma que o Sergas activou en 2024 e que o propio conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, avanzou en maio que ían aplicar tamén este verán. " Imos facer exactamente o mesmo", dixera.
O plan baséase en catro eixos, explicou Diego Calvo na súa comparecencia. Unha bolsa de voluntarios para cubrir gardas nos PAC —e na que hai xa 149 inscritos—; 20 médicos do 061 que ofreceron a súa dispoñibilidade a colaborar nas gardas da urxencias de Atención Primaria, oferta de mobilidade temporal a centros de saúde que precisen reforzos e, por último, recorrer aos MIR de cuarto ano en especialidades de Pediatría e Medicina Familia. Até o de agora, 49 residentes aceptaron esta proposta. "O ano pasado funcionou", dixo o conselleiro de Presidencia.
Á pregunta da prensa de cantas prazas se van poder cubrir con ese plan e cantas quedarán vacantes, remitiu a máis adiante para datos máis concretos. "Aínda é cedo para ter todos os datos", dixo.
Organizacións sindicais e plataformas de defensa da sanidade pública foron moi críticas o pasado verán con esta estratexia, que cualificaron de "fracaso" e de non garantir unha cobertura "suficiente".
Consello da Xunta
O Consello da Xunta deu esta segunda feira por iniciado o proceso para elaborar os orzamentos galegos para 2026. O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, resaltou que a Galiza pode empezar estes trámites "grazas á estabilidade política e institucional" e apuntou a finais de xullo para aprobar o teito de gasto e a entrega do proxecto de orzamentos ao Parlamento antes do 20 de outubro.
Entre os acordos aprobados na reunión do Goberno galego está o de declarar ben de interese cultural (BIC) do patrimonio inmaterial a Ofrenda do Antigo Reino da Galiza, unha tradición que se celebra en Lugo desde hai máis de tres séculos de xeito ininterrompido, agás no ano 1809 por estar a cidade en poder dos franceses.
A preguntas da prensa sobre o incremento do número de denuncias por violencia de xénero no primeiro trimestre do ano na Galiza, Calvo "congratulouse". O que nos gustaría é que non se producisen nunca porque desaparecesen —os casos de violencia machista—. Mais, mentres existan, nós o que queremos é que se sigan denunciando, que siga así a tramitación e que se resolvan", destacou. Tamén preguntado pola prensa, Calvo afirmou descoñecer se a Xunta organiza algo polo Día do Orgullo, mais afirmou sumarse "a calquera tipo de acto".
Estacións de servizo con caixeiros
Tamén autorizou o Executivo unha nova orde de axudas para a modernización das estacións de servizo do rural galego que permitirá, entre outras medidas, que aquelas en localidades de menos de 20.000 habitantes poidan contar cun sistema de retirada de diñeiro en efectivo similar ao dos caixeiros automáticos. O Goberno prevé unha implantación gradual para que en 2028 perto de 200 gasolineiras teñan este sistema.