Sandra Permui, nova alcaldesa de Fene: "Levo Astano no meu corazón; pelexaremos polo sector naval"
—Que sente ao ser a primeira muller en ocupar este cargo?
É un tremendo orgullo ser a primeira muller alcaldesa de Fene. Aquí houbo 36 anos de nacionalismo se contamos a andadura de Pepe Rivera [Xosé Manuel Rivera Arnoso] e de Tino [Juventino Trigo], e agora toca continuar.
—Ten algunha outra alcaldesa nacionalista como referente?
Todas, en xeral, pero por proximidade a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoi. Compartimos moitas xornadas de igualdade e para min é unha referencia en Ferrolterra e unha muller que sempre está e que te aconsella cando a chamas.
—Que destacaría dos 10 anos que leva na corporación local?
Foi un traballo moi intenso. Pasamos momentos moi difíciles, porque cando chegamos ao Goberno tivemos a crise da auga, coa presenza de trihalometanos, e o que non sabiamos houbo que aprendelo. Tamén foi difícil a pandemia. Pero eu destacaría a veciñanza, sempre moi comprensiva e axudando. No BNG somos un grupo moi unido, formamos un grande equipo. Sempre chegas con ganas de facer de todo, de cambiar a vida da xente, mais na realidade é todo máis lento do que pensamos, pero con tenacidade vanse conseguindo sacar adiante os obxectivos.
—Que retos marca até 2027?
Temos un Plan xeral de ordenación urbana (PXOM) ao que dar pulo e a un concelleiro de Urbanismo, Manuel Polo, coa teima de sacalo adiante. Tamén temos a necesidade de dar pulo a cuestións relativas ao benestar social, como no caso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que é unha preocupación enorme para nós porque a xente maior non está debidamente atendida.
A Xunta dános competencias impropias aos concellos e cada día afógannos un pouco máis. É unha problemática enorme, non hai residencias e estes servizos están precarizados, o que afecta fundamentalmente as mulleres. Tamén temos moitos retos en educación e sanidade; hai temas importantes nos que estaremos petando en todas as portas.
—Falar de Fene é falar do sector naval e da reconversión. Que se pode facer desde o Concello?
Eu sempre digo que levo Astano dentro da miña cabeza e do meu corazón, son unha orgullosa filla da reconversión. Ía cos meus pais ás manifestacións. O meu pai sufriu a reconversión, e tamén o meu avó. Levo o metal dentro de min e vivo no barrio de San Valentín; o primeiro que fago cando me ergo polas mañás e o último antes de deitarme é ver o guindastre pórtico [de Navantia]. Iso é algo que me marcou moito na miña vida. Seguimos apostando por construír barcos e sabemos que iso ten a súa dificultade, pero nós pelexaremos polo sector naval.