Sánchez acusa Feixoo de "debilitar os servizos públicos" durante o seu mandato na Xunta da Galiza
Sánchez compareceu esta cuarta feira no Congreso dos Deputados, a petición propia, para dar conta dos resultados dos últimos cumios internacionais, do último Consello Europeo e da situación dos servizos públicos no Estado español.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, acusou esta cuarta feira no Congreso dos Deputados o líder da oposición, Alberto Núñez Feixoo, de fortalecer o negocio privado a costa dos servizos públicos durante os seus trece anos á fronte da Xunta da Galiza. Nunha intervención centrada en confrontar o modelo de xestión pública do PP e do PSOE, Sánchez asegurou que "na Galiza perdeu o público e gañaron un puñado de empresas, algunhas das cales empregan hoxe a familiares do señor Feixoo".
"Supoño que non debería sorprendernos —afirmou Sánchez— porque, ao fin e ao cabo, esa foi a mesma filosofía que aplicou na Galiza. É importante cando falamos de fortalecemento ou debilitamento dos servizos públicos". O presidente enumerou a continuación varios datos para ilustrar o que cualificou de "modelo de privatización progresiva" do sistema galego.
Segundo o seu relato, "durante os 13 anos que gobernou a Xunta, Galiza perdeu 200 profesores da pública e gañou 150 na privada; perdeu 6.000 prazas en escolas infantís públicas e gañou 5.000 nas escolas privadas. Perdeu 20 centros de Atención Primaria públicos mentres medraba a privada. E as residencias privadas para maiores pasaron a acaparar o 75% de toda a oferta".
"En definitiva —concluíu o presidente—, nos 13 anos en que vostede foi presidente da Xunta da Galiza, na súa terra perdeu o público e gañaron uns poucos. Porque con vostedes, co PP, todo queda na casa".
Para o PP, as palabras do presidente do Goberno español son "un insulto ás galegas e galegos que durante 13 anos outorgaron a Feixoo catro maiorías absolutas". Así o trasladaron nun comunicado remitido aos medios no que se gaban de ter multiplicado "por catro" desde 2009 o investimento en dependencia ou de que o país ten "máis profesorado ca nunca".
Sánchez compareceu esta cuarta feira no Congreso dos Deputados, a petición propia, para dar conta dos resultados dos últimos cumios internacionais, do último Consello Europeo e da situación dos servizos públicos no Estado español.