Rueda segue os pasos de Ayuso e valora recorrer o decreto estatal que regula a creación de universidades privadas
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, non descarta que o Goberno galego recorra o decreto sobre o recoñecemento e acreditación de universidades (o que inclúe as privadas) que prepara o Goberno estatal se non ve unha "garantía" de que a norma fixa uns criterios obxectivos que equiparen en calidade ás públicas e ás privadas que se poidan pór en marcha.
Tras o paso avanzado pola súa homóloga na Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, en relación a recorrer este decreto, Rueda deu a entender que Galiza podería seguir un paso similar se non se cumpre esta "garantía".
"Mais polo que estamos a escoitar témome que estamos ante outro exemplo de deriva do sectarismo do Goberno", advertiu. Rueda reivindicou que a "responsabilidade directa" da Xunta é dar "fortaleza e apoio" ás tres universidades públicas galegas, antes de agregar que considera que así se está facendo.
E co transfondo da universidade que Cesuga pretende impulsar na Coruña, sobre a que a Xunta aínda non clarificou se avalará que vaia adiante ou non, agregou que o deber do Goberno galego é tamén velar porque as que se implanten na Galiza "teñan todas as garantías".
"Eu o que quero é unha normativa que garanta que, se existen novas universidades, cumpran todas as garantías e que estean ao mesmo excelente nivel que teñen as públicas na Galiza", sentenciou o líder do Executivo galego.
Críticas a Pedro Sánchez
Finalmente, mostrouse crítico polas palabras do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, nos últimos días, sobre determinadas universidades e a súa "pouca consistencia ou as sospeitas". "Supoño que se estaría referindo a algunhas das que el mesmo foi alumno. Analizaremos todo isto", concluíu.