VÍDEO | Alfonso Rueda reivindica o autogoberno, "dentro da constitución española", na súa mensaxe de Fin de Ano
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reivindicou o autogoberno para "mellorar a vida da xente" na súa mensaxe de Fin de Ano, no que, por outra parte, apelou á "posición estratéxica" da Galiza para captar empresas e comprometeu apoio ás e aos emprendedores.
Foi nun discurso con recordo ás persoas afectadas pola DINA. "Galiza vai seguir estando cos valencianos, agora tamén coa recuperación", sentenciou nunha intervención con apoio a aquelas persoas para as que o Nadal non é "sinónimo de alegría" e ás que "todos os días do ano coidan dun familiar dependente".
Tamén con alusión ao compromiso de ampliar o parque de vivendas públicas nos próximos catro anos, cunha clara referencia á mocidade para que poida acceder a ela. "Que haxa o dobre de vivendas públicas das que existen actualmente", aseverou para incidir, ademais, na necesidade de superar "as barreiras" sexan económicas ou de conciliación para favorecer o nacemento de nenos e nenas.
Desde o Pazo de Fonseca, apelou á política da Xunta en materia educativa para que o estudantado se atope "menos obstáculos". "Por iso todos os que aproben poden matricularse gratis nunha universidade galega, para que a capacidade económica da familia non sexa un obstáculo", citou como exemplo. Isto nunha intervención con reivindicación da FP dual ou os títulos de alta especialización. "A educación é clave para o progreso dun país, abre portas e reduce diferenzas sociais", manifestou.
Politicas galegas
Mentres, insistiu no uso do autogoberno para "mellorar a vida da xente". "E sempre dentro do marco da Constitución e co obxectivo do ben común", expuxo para incidir na Galiza como unha terra de acollida e sempre disposta a "integrar". Isto sen esquecer aos galegos e galegas que no seu día emigraron. "Sentimos que estades moi perto de nós", afirmou para, á vez, lembrar a política galega para facilitar aos que queiran volver que poidan facelo a través da Estratexia Retorna.
"Marchar fóra pode ser unha opción, mais non unha obrigación, para iso é necesario postos de traballo de calidade e ben reumnerados", sinalou nun discurso no que incidiu na posición "estratéxica" da Galiza. "Hai recursos naturais, moito talento, infraestruturas e chan industrial para os proxectos que queiran asentarse respectando o medioambiente e a nosa contorna", aseverou nun discurso no que tamén apelou á cifra "récord" de turistas.
"Agora toca facer da Galiza unha excepción de serenidade, de responsabilidade e de altura de miras", engadiu ao facer referencia ao papel das e dos representantes públicos. "En 2025 seguiremos demostrando do que somos capaces, unha terra que non ten máis límites que os que consintamos en poñernos, seguiremos avanzando ao noso estilo", concluíu.